Entrevistamos a Daniel Hernández Chambers, autor do fantástico universo de Ojos de Medianoche

22-04-2022

Desde pequeno, Daniel Hernández Chambers sabía que quería contar historias e agora, de maior, é un recoñecido escritor e unha das voces máis prominentes da literatura infantil e xuvenil actual. É o creador do universo de Ojos de Medianoche, cuxos valores principais son a amizade, por encima de todo, e o amor. Esta apaixonante triloxía de fantasy ten dispoñibles dous títulos en inglés na biblioteca Ta-tum  e agora podes desfrutala completa  en castelán. Nesta entrevista preséntanos a colección, cóntanos de onde procede a súa inspiración e descóbrenos as claves –moi particulares– do seu proceso creativo.

 

En que te inspiras para crear estas historias de guerreiros, bruxos, xigantes e trasnos fantasy? 

A inspiración é un misterio! É evidente que todo aquilo que facemos, lemos, vemos ou experimentamos na nosa vida nos inflúe. No meu caso, esta influencia lévame a inventar novas historias. Supoño que non escribiría Ojos de Medianoche se de pequeno non lese, por exemplo, O hobbit ou tantos outros libros de temática semellante. 

 

Eres afeccionado aos libros ou xogos de fantasy?

Do mesmo xeito que non son un escritor de xénero, tampouco son un lector de xénero; ao contrario. Gozo case con calquera lectura e tamén á hora de escribir historias de diferentes xéneros: fantasía, como nesta triloxía, realismo, misterio, humor… A maxia e a loita con espadas teñen algo que me atrae especialmente, iso si. E, en canto aos xogos, debo admitir que son un pouco raro: non son o meu!

 

Á hora de escribir un libro de ficción, hai que imaxinar un universo, deseñar uns personaxes, documentarse e investigar, inventar unha trama… Como é o teu proceso creativo? 

Só se me ocorre cualificar o meu proceso creativo de desastroso. Cada escritor desenvolve o seu propio método ao longo dos anos, non hai un único método nin moito menos. Tampouco ten por que servirnos o método que a outro o levou ao éxito.

Hai anos dediqueime durante un tempo a coleccionar os chamados decálogos do escritor –as normas que algúns escritores propoñían para quen empeza nisto– e deime conta de que, con frecuencia, as normas dun contradicían as doutro. Cheguei á conclusión de que non hai normas fixas nisto. Nin sequera a un mesmo autor lle serve sempre un mesmo método!

 

Entón cóntanos como é ese «desastroso» método que a ti che funciona.

Planifico antes de poñerme a escribir, intento ter o final decidido antes de empezar, pero ás veces non o fago, e outras veces cámbioo sobre a marcha. Fago esquemas, pero son tan simples que creo que non merecen nin o nome de esquemas. En ocasións fago listaxes de personaxes, e mesmo fichas de cada un, pero a maioría das veces salto esa parte. O que si fago é escribir unha formulación inicial, aínda que adoita ser moi breve. E tamén escribo borradores de escenas e diálogos… Pouco máis.

 

E algún consello que recomendes a futuros escritores?

O que si fago sempre é anotar todas as ideas que se me ocorren. Moitas, diría que a gran maioría, non chegan a converterse en novelas, pero hai unhas cantas que tempo despois de apuntalas empezan a xerminar. Tamén apunto as características de personaxes, ou posibles escenarios, cousas así. A ese cartafol onde as vou anotando volvo con frecuencia, e de tanto en tanto descubro ideas esquecidas e, de súpeto, xa non podo quitalas da cabeza. Entón empezo a ver relacións con outras ideas anotadas, e aí é cando sei que podo ter unha nova novela entre as mans.

E cando rematas de escribir, chega o momento de ilustrar! A ilustración de Antonio Lorente, a quen tamén entrevistamos, é case un personaxe máis nestas novelas. Imaxinabas así os protagonistas cando escribiches a primeira historia? 

Antonio Lorente é un fóra de serie na ilustración. Para min é unha auténtica gozada contar co seu traballo acompañando e enriquecendo as miñas historias. Eu non imaxinaba exactamente así os personaxes, pero iso é o bonito disto. O ilustrador fai seu o texto e exprésao mediante a súa arte. A imaxe que hai na miña cabeza e a que el plasma non teñen por que ser a mesma, e está ben que sexa así, porque precisamente esta é a base da literatura. Cada lector imaxina os escenarios e os personaxes coas pinceladas que o escritor lle ofrece, e cada persoa imaxina cousas distintas. Os lectores non teñen que intentar atopar as mesmas imaxes que o escritor tiña na súa cabeza, senón crear as súas propias.

 

E como é o proceso de traballo xuntos?

Nunca me meto no traballo do ilustrador, non se me ocorrería facelo. Sempre tiven a sorte de que os ilustradores dos meus libros fixeron máis atractivas as miñas obras.

 

Que valores cres que achega esta colección? 

O valor da amizade por encima de todo. A amizade e o amor. Á fin e ao cabo, son as dúas cousas que máis merecen a pena nesta vida. Prefiro ter un amigo como Crey que unha mansión. 

 

Que gran consello para os novos lectores! Como sabes, Ta-tum é unha plataforma de lectura escolar; como che gustaría que se usasen estes libros na clase? 

Encantaríame que se lesen en voz alta na aula. Na miña época de estudante tiven a sorte de ter algún profesor que dedicaba sempre unha clase á semana a facelo así.

 

E algún consello para docentes?

Non son quen para dar consellos aos docentes. O seu labor é demasiado importante e complicado como para que veña alguén de fóra a entremeterse.

 

Sabemos que tes máis títulos en Ta-tum, cales nos recomendarías? 

Todos, claro! Son moi distintos entre si e tocan temáticas moi diferentes. Ao contrario que Ojos de Medianoche, Cruces en la arena, Huellas de carbón ou Yo me iré contigo son tres novelas de corte realista, e a todas elas téñolles un cariño especial. E oxalá aos seus lectores lles suceda o mesmo!

 

E agora, por último, imos cunhas preguntas para coñecerte un pouco máis:

Se non foses escritor, gustaríache ser…

Tiven a sorte de saber desde moi pequeno que quería contar historias, pero por suposto, tamén desexaba ser outras cousas: dianteiro centro, aínda que se me daba mellor ser porteiro; mariñeiro, nos mares do sur, claro; arqueólogo, vagabundo… Se non puidese ser escritor, creo que me conformaría con ser tolo.

 

O teu traballo como escritor definiríalo coa palabra…

GOZO / AVENTURA / PAIXÓN / DIVERSIÓN / VIDA

 

Un libro, á parte de Ojos de Medianoche, que recomendarías aos teus lectores e que liches á súa idade. 

Se ten que ser un que lin hai tanto, recomendaría La isla de Tökland, de Joan Manuel Gisbert.

 

E iso é todo, Daniel! Moitísimas grazas polo teu tempo, por compartir o teu proceso creativo e por acercarnos un pouquiño máis ao universo de Crey.