Novedades Inglés

‘Eyes of Midnight’ xa latexa en Ta-tum

08-09-2021

A fantástica triloxía de Daniel Hernández Chambers, ilustrada por Antonio Lorente, xa conta coa súa tradución ao inglés e ten o seu lugar na biblioteca Ta-tum. Publicada en castelán baixo o título Ojos de medianoche, as novelas reúnen todo para fascinar o público adolescente: épica, maxia e un protagonista que, pese ás adversidades, xamais se dá por vencido.

Polo momento, poden lerse os dous primeiros títulos. Non os coñeces aínda? Aquí chos presentamos! Prepárate para entrar nun territorio máxico e medieval…

 

The Ones with No Shadows

The ones with no shadows

Crey perdeu os seus pais. En medio do dó e da desolación pola peste que decimou a poboación, emprende unha viaxe cara ao val de Nalcar para vivir co seu tío. O destino, non obstante, gárdalle un porvir que non imaxina, e deberá recorrer ao mellor de si mesmo para salvar a súa vila.

 

The Land of Giants

The Land of Giants

Nesta segunda parte, o noso novo heroe deberá custodiar un obxecto máxico que chegou ás súas mans por casualidade. Entre as súas consecuencias, un ser máxico converterase no seu compañeiro de ruta mentres unha estraña sombra o segue desde moi preto.

Os libros de Eyes of Midnight representan un moi bo achegamento á alta fantasía. Alí conviven elementos míticos e unha loita encarnizada do ben contra o mal, nun escenario onde non falta a maxia nin o amor. É unha saga que, tamén, gustará moito aos que camiñaron pola Terra Media ou buscaron o segredo da materia escura seguindo as luces do norte.

Daniel Hernández Chambers é un dos autores máis representativos da literatura xuvenil actual. Obtivo en 2012 o Premio Leer es Vivir de Everest, en 2016 o Ala Delta (literatura infantil) e en 2017 o Premio Alandar (literatura xuvenil). En 2018 gañou tamén o XXXVII Concurso de Narrativa Infantil Vila d’Ibi. En Edelvives publicou tanto para o público infantil coma xuvenil. Eyes of Midnight é unha excelente oportunidade para achegarse á súa obra, que sempre camiña polo fío do fantástico, en todos e cada un dos seus sentidos.

Antonio Lorente é ilustrador e creativo dixital. O seu traballo estivo exposto na Biblioteca Nacional de España, na galería Tower 47 e 291Est de Londres e Roma respectivamente, ata chegar a cidades como París, Las Vegas, México DF ou Nova York. Publicado en Edelvives: Genios, Peter Pan e Ana la de Tejas Verdes.