
Coñece a Antonio Lorente, ilustrador de Ojos de Medianoche
Coámonos entre os lapis –e tabletas gráficas– de Antonio Lorente, o ilustrador de títulos de éxito como Peter Pan, Tom Sawyer ou Ana la de Tejas Verdes. Tamén é o creador do imaxinario da triloxía Ojos de Medianoche, con dous títulos dispoñibles en inglés en Ta-tum e os tres en castelán.
Nesta charla, Antonio cóntanos e móstranos como é o seu proceso de creación, como traballa os personaxes e como lle deu vida ao fantástico mundo de Crey.
Ilustraches esta colección escrita por Daniel Hernández Chambers, a quen tamén entrevistamos. Como foi o traballo con el?
Foi un traballo marabilloso porque é unha triloxía dunha imaxinación desbordante. Chambers describe os personaxes e situacións ao detalle… E iso sempre axuda!
Encantaríanos saber como se crea un universo ilustrado. Como foi o proceso de ilustrar Ojos de Medianoche?
O primeiro que fixen foi ler a triloxía e mergullarme no mundo de Crey. Despois, empecei a bosquexar os personaxes e todos os detalles que se describen na historia. Foi un proceso moi emocionante!
Unha das características das túas ilustracións é realizar retratos cunha mirada moi persoal. Neste caso, en quen ou en que te inspiraches para crear os personaxes?
En Ojos de Medianoche todos os personaxes naceron do meu imaxinario. É verdade que normalmente utilizo persoas do meu contorno para os meus álbums ilustrados, pero no caso de Crey seguín ao detalle a descrición de Chambers para crealo.
Como é o teu proceso creativo? Debuxas primeiro bosquexos a lapis e logo dixitalizas?
Como unha imaxe vale máis que mil palabras, móstrovolo!
E agora que xa coñecemos máis acerca do teu traballo, gustaríanos saber que é o que máis desfrutaches e o que che resultou máis difícil ao ilustrar esta colección.
Quizá vos sorprenda, pero co que máis gocei foi coas cubertas. Na triloxía é importante darse conta de que o personaxe vai crecendo e iso debía apreciarse en cada nova aventura. Se vos fixades, a dozura do retrato do primeiro tomo vaise endurecendo nos seguintes, onde xa vemos un Crey máis maduro e aguerrido.
Tes algunha ilustración favorita? Hai algunha na que queres que os lectores se deteñan especialmente?
Gústanme moito as dobres páxinas que abren cada libro. Son todo trazos a lapis a modo de bosquexo. Gústame moito esa estética…
Que che gustaría que pensasen os novos lectores que abren por primeira vez un libro de Ojos de Medianoche?
Creo que marcará a vida de moitos nenos e nenas. É unha historia chea de aventuras e maxia. Seguro que calará nos corazóns dos lectores.
E agora, imos cunhas preguntas para coñecerte un pouco máis:
Se non foses ilustrador, gustaríache ser…
Estou seguro de que sería unha profesión relacionada tamén coa creatividade e o deseño. Non sabería dicir que exactamente… pero algo relacionado coa arte, seguro.
Un libro, á parte de Ojos de Medianoche, que recomendarías aos teus lectores e que liches á súa idade.
Non o dubido! A historia interminable, de Michael Ende. É o meu libro de infancia e espero que, xunto a Ojos de Medianoche, tamén sexa o de moitos nenos e nenas.
Que recomendarías a aqueles mozos que se senten atraídos polo mundo da ilustración?
Diríalles que a formación é moi importante. E tamén o modo de traballar. Traballar moito e sobre todo con amor… Moito amor en cada trazo! Animaríaos moito a conseguir os seus soños.
E por último, como peche desta entrevista, regálasnos unha última sorpresa?
Claro que si. Como peche desta entrevista e para que poidades coarvos no meu estudio, móstrovos como é o meu proceso de traballo dixital para crear o personaxe de Ana la de Tejas Verdes. Espero que vos guste!
Marabilloso! Moitas grazas por compartilo con nós.