Lola Núñez e Rocío Antón: como naceu Sherlock Tópez a catro mans

25-03-2022

Lola Núñez e Rocío Antón son escritoras, mestras e educadoras. Ademais, son amigas e gústalles moito traballar xuntas. Desta frutífera colaboración naceron personaxes tan entrañables como Sherlock Tópez, unha pequena toupa detective que resolve misteriosos casos para manter a convivencia pacífica dos animais. Falamos con elas para coñecer máis en profundidade o seu proceso de traballo e que nos presenten Los casos de Sherlock Tópez, a colección para primeiros lectores con letra ligada e pictogramas que xa está dispoñible na Biblioteca Ta-Tum xunto a outro dos seus traballos: Cuentos del viejo roble.

 

Como definiriades Los casos de Sherlock Tópez para aqueles lectores que non os coñezan? 

É unha colección de libros en que a amizade, a curiosidade e o coidado da natureza son os eixes fundamentais. As aventuras, cheas de fantasía e humor, entrelázanse con informacións e datos reais sobre o medio natural. Ademais, Sherlock Tópez adora ler e é un magnífico exemplo para que os novos lectores se acerquen con interese e curiosidade aos libros, cos que poden gozar e obter información. 

Ao deseñar as historias interesábanos que o humor e a sorpresa estivesen presentes en cada unha delas. Tópez anima a nenos e nenas a explorar, a convivir e a ser responsables co seu contorno.

 

Como naceu este simpático personaxe?

As dúas somos mestras de formación e educadoras de vocación e de profesión. En todos os nosos libros, de forma natural, incluímos valores e aprendizaxes para a vida. Nesta ocasión, estabamos interesadas en tratar o asunto dos investigadores e o coidado da natureza.

Buscabamos un protagonista que conectase emocionalmente cos lectores. De repente, xurdiu o nome de Sherlock Holmes e, de inmediato, Sherlock Tópez veu á nosa cabeza; unha toupa investigadora, algo pitoña, moi próxima ao mundo infantil e afastada dos estereotipos dos investigadores tradicionais. Así empezamos a construír este personaxe, entrañable, curioso e moi, moi listo.

Adoitades escribir xuntas e esta colección creástela entre as dúas. Como é a tarefa na práctica? 

Esta é unha pregunta que nos fan con frecuencia e, aínda que intentamos responder, non sabemos se queda clara a nosa explicación. Cando escribimos sempre estamos xuntas, non repartimos o traballo e a escritura é fluída. Falamos moito, corriximos moito, damos infinidade de voltas aos textos e gozamos creando historias para os nosos lectores. Tamén rimos, nos asustamos ou nos preocupamos cos nosos personaxes. Escribir xuntas é un festival de emocións. 

As nosas ideas en relación coa literatura infantil son moi similares e resúltanos fácil e divertido o proceso de traballo. Sempre pensamos que a escritura a catro mans enriquece as nosas obras.

Que vantaxes e inconvenientes ten escribir xuntas?

Sempre temos a sensación de que un escrito así é moito máis «redondo» que unha obra individual, aínda que tamén escribimos de forma separada. A dobre perspectiva axúdanos a ver todos os enfoques posibles da historia e fai que os nosos textos teñan moitos máis matices.

En canto aos inconvenientes, poderiamos dicir que o peor é non poder traballar xuntas fisicamente máis veces, pero, ultimamente, solucionámolo grazas ás tecnoloxías.

 

Cada título de Sherlock Tópez converte nun misterio as grandes habilidades dos animais. Podedes darnos dous exemplos de curiosidades que vaian aprender os máis pequenos con estes libros?

En todos os libros desta colección incluímos información sobre os animais e o medio. Coidamos a ambientación nas diferentes estacións do ano para contar datos curiosos sobre a natureza neses momentos: a hibernación dos osos, o nacemento e a metamorfose da ra, os ovos «intrusos» de cuco nos niños doutros paxaros… E así en todos estes libros. Ademais, ao final de cada historia inclúese unha páxina con máis información sobre o animal que compartiu a aventura con Sherlock Tópez.

 

Ademais dos misterios da natureza, que valores aprenden os peques con estes libros?

Os valores fundamentais que impregnan a colección son a amizade, a curiosidade, o respecto polo medio natural e pola diversidade; así mesmo, insistimos na importancia da lectura e o gozo que supón ler e compartir lecturas.

 

Sabemos que é moi difícil elixir, pero… tedes unha historia favorita de Sherlock?

Resúltanos moi difícil elixir unha, porque estamos convencidas de que todas son especiais por unha ou outra razón. Á hora de decidir que conto contamos cando estamos fronte aos nosos lectores, eliximos un título ou outro en función do grupo de nenos e nenas que formen a nosa audiencia. 

Sabemos que tamén vos gusta contar contos. Que credes que pode ofrecer aos pequenos detectives ler Los casos de Sherlock Tópez en voz alta, na aula? E na casa, en familia? 

As dúas contamos as nosas historias con frecuencia. Estamos convencidas de que a lectura en voz alta é unha das actividades máis pracenteiras para os maiores e os pequenos. O momento da lectura, na aula e na casa, é máxico, cargado de fantasía e de intimidade; o afectivo convértese en protagonista e en elemento motivador. 

Desde un punto de vista educativo, sabemos que as historias compartidas son vehículos para a transmisión de valores e aprendizaxes, e proporcionan modelos e respostas para afrontar diferentes situacións da vida; ademais, contribúen a instalar nos peques os hábitos lectores.

 

Sodes as autoras da colección Cuentos del viejo roble, que tamén está inspirada na natureza e os seus segredos. Elixides este tema porque vos gusta? Como vos documentades para todas as curiosidades que contades nos vosos contos?

Temos un gran número de libros que abordan o tema da conservación do medio natural desde diferentes enfoques. Cada vez vemos máis necesario chamar a atención sobre este asunto. Coñecer a natureza, deterse a observala e a gozar do que nos rodea, e valoralo na súa xusta medida é imprescindible na actualidade. 

Temos a esperanza de que estas historias contribúan a que os nosos lectores se convertan en adultos sensibles, responsables e activos na tarefa de mellorar o noso planeta (desde todos os puntos de vista).

 

Sherlock é unha pequena toupa detective e Ta-Tum invita os pequenos a converterse en investigadores. Como vos gustaría que se usasen os vosos libros nas aulas? 

Os nosos libros están pensados para ser desfrutados de mil maneiras. A idea é que os lectores poidan manipulalos, lelos e descubrir mil detalles que se atopan nos seus textos, os seus pictogramas e as súas ilustracións. Encantaríanos que Sherlock Tópez fose unha referencia para animar os pequenos investigadores a mostrar a súa curiosidade e a satisfacela, explorando o contorno, buscando respostas e compartindo experiencias. 

 

E, por último: algún consello para os docentes?

Estas historias poden ser un bo punto de partida para a realización de pequenas investigacións, proxectos ou xogos dramáticos. A riqueza dos elementos que tratan permiten estes e moitos outros aproveitamentos.

 

Esperamos que sexa así! Moitísimas grazas, Lola e Rocío, por compartir a vosa experiencia.