Un escritor de premio: Ricardo Gómez

08-11-2022

As madeireiras chegan para talar as árbores da selva onde habita a tribo dos bakaya. E nese contexto, Emeka debátese entre a fascinación e o atropelo á natureza. Música entre las ramas é a novela que recolle este argumento, polo cal, Ricardo Gómez, obtivo o Premio Ala Delta 2022. 

Ricardo é un dos nomes máis importantes da literatura infantil. Entre outros premios, gañou o Cervantes Chico, un dos maiores recoñecementos en España. Este antigo profesor de matemáticas publicou máis de 50 títulos. As súas obras trazan un percorrido común: cuestionar, evidenciar e conmover. Animámoste a coñecelo un pouco máis a través desta entrevista.

 

Gañaches o premio Alandar noutras edicións. Que ten para ti conseguir o Ala Delta nesta última edición?

Todo premio recíbese coma se fose único e ao Ala Delta tíñalle cariño, pola miña vinculación con Edelvives. Este libro acompaña a outros na mesma colección e dalgunha maneira arróupaos. Alégrame que Emeka, o protagonista desta historia, lles faga chiscadelas a outros personaxes meus, tanto anteriores como futuros. Parte do premio ten que ver con esta belísima edición, coas estupendas ilustracións de Christa Soriano.

 

Como naceu Música entre las ramas?

Un libro resulta dunha lenta cocción que mestura o azar e a vontade. Eu estaba escribindo unha colección de contos con árbores como elementos centrais de varias historias, ambientadas en distintos lugares do mundo. Escribín un conto breve que falaba dos mukulungos e dos sapellis, e de pronto abriuse ante min unha inmensa selva na que os protagonistas reclamaban máis espazo e máis vida. Despois dun tempo, o relato inicial transformouse nesta novela.

 

Como foi traballar coa ilustradora, Christa Soriano

Un auténtico pracer. Desde o comezo puiden ver os seus bosquexos e como estes evolucionaban ata as ilustracións finais. Foi moi receptiva ante algunhas observacións e en todo momento puxo as súas boas artes ao servizo da historia. Espero algún día coincidir persoalmente con ela e celebrar cun viño o final feliz deste libro, tal como está editado e ilustrado. Aproveito tamén para recordar a boa sintonía e o estupendo traballo de Jorge Gómez, o editor.

 

Como autor, que é o máis reconfortante que ten un libro?

Un libro pode reconfortar, pero tamén inquietar, desafiar ou incluso importunar. Como lector, eu diría que os personaxes e a parte das súas biografías que ofrecen un conto ou un relato están aí para ampliar o noso campo de visión e, dalgunha maneira, as nosas experiencias vitais. Como escritor, este proceso vai máis alá, porque a iso úneselle a satisfacción de ver como callan ideas que ao comezo parecen soltas pero que pouco a pouco se engarzan nunha historia, e como os personaxes cobran vida autónoma.

 

Eras profesor de matemáticas: que parte da docencia é inevitable cando escribes? 

Eu parto da idea de que na docencia un non ensina, senón que comparte. E que nese proceso de compartir invítase ao asombro, á imaxinación, á aplicación… Mentres escribo vou descubrindo personaxes ou feitos que non coñecía e espero que os lectores me acompañen neste proceso.

 

Que requisitos debe ter unha idea para poder transformarse nunha historia?

Interesante pregunta. A literatura manexou ideas desde hai milenios, e nese sentido é imposible ser orixinal porque os temas universais non cambiaron: os celos, a amizade, a traizón, o desexo de aventura, o amor, a resistencia ante a inxustiza, o medo, a envexa…  O que eu podo facer coas miñas historias é intentar encarnar algunha desas ideas nun ou varios personaxes, e darlles un punto de vista persoal e nun escenario e cunha perspectiva máis ou menos contemporánea.

Please accept statistics, marketing cookies to watch this video.

 

Moitos dos teus libros teñen como argumento un tema que invita á reflexión ou un alto compromiso social. É intencionado ou inherente á túa creatividade de escritor?

Desde logo, é intencionado. Como escritor, eu non quero contar historias. Hai escritoras ou escritores que neste sentido o fan ou o fixeron moito mellor ca min, e aos que trato de ler. Cando lle dou voltas ao mundo que nos rodea e aparece unha idea poderosa, eu quero dicir algo a través dos personaxes que creo. E fágoo, como dicía Bértolo, como lector civil ou como escritor civil, inserido na miña cultura e no meu tempo. Os meus libros permítenme reflexionar, e formular hipóteses ou desexos. Tamén, sinalar ou denunciar.

 

Dos libros publicados en Edelvives, hai algún ao que lle teñas especial cariño? Se é así, cal? 

A todos lles teño cariño, pero non podo esquecer a Bachir ou a Hamida, protagonistas de El cazador de estrellas, unha historia que se sitúa nos campamentos de refuxiados saharauís. Eles, coma o resto de personaxes dese libro, son persoas que coñecín, que están vivos e que reclaman voz nun mundo que os silencia. Pero tampouco podo esquecer a Nushi, de Diario de un campo de barro, nin a Fabio en La isla de Nuncameolvides… Nin a algúns animais que simbolizan a curiosidade ou a busca da aventura, como ocorre con El perro que buscaba estrellas ou Tres historias con gato.

 

Tes algún tema pendente sobre o que escribir?

Pouco antes de que meu pai falecera, pedinlle que me escribise recordos da súa infancia e gardo un caderno seu, un manuscrito precioso inzado de detalles. Como calquera pode imaxinar, esas liñas viaxan no tempo oitenta ou noventa anos atrás, cando de neno viviu a caída da República e os inicios da guerra. Sobre iso gustaríame escribir, desde unha perspectiva nova: a dun avó-neno que se asombra por poder sobrevivir con dignidade.

 

Que lectura che resultou inesquecible na túa infancia?

Foron moitas! Unha magnífica mestra, dona Dionisia, cando eu tiña sete anos, líanos na clase historias adaptadas da Biblia e da Odisea. Grazas a ela coñecín a voracidade de Polifemo e a astucia de Ulises, por exemplo. Nesa época, cando case non había libros dispoñibles, os mestres lían moito na clase. Don Fermín, aos meus nove anos, líanos Corazón e poemas de Machado. Desde entón, esa listaxe de libros e personaxes non fixo máis que medrar. Unha sorte!

 

En poucas palabras

A unha illa deserta levarías…

Unha morea de amigas e amigos, con cadanseu bo libro.

 

Se foses un personaxe de ficción serías…

Falando de literatura infantil e xuvenil, e por xogar, Barbicane, o protagonista de De la Tierra a la Luna. Tamén, Campanilla, a fada de Barrie.

 

Que estás lendo agora?

Adoito ler varios libros á vez. Sobre a mesa, neste instante: Yo misma, supongo, de Natalia Carrero, o segundo tomo de Los mitos griegos de Graves e Ojo de Gato de Margareth Atwood. Outros agardan por min.

 

Moitas grazas, Ricardo!