Conversando con Inés Garland, Premio Alandar 2022

08-11-2022

Inés Garland non elixe un tema en concreto para comezar a crear unha historia, senón que ve unha imaxe na súa cabeza e, coma se fose a punta dun fío, comeza a tirar e tirar dela sen interpoñerse aos personaxes que hai no seu interior, que a van guiando por unha apaixonante historia. Así naceu o primeiro capítulo de De la boca de un león, a novela que obtivo o Premio Alandar 2022. A súa autora relata nesta entrevista o proceso de creación desta novela xuvenil e  explícanos como os profes podedes traballar con ela os temas fundamentais na adolescencia. Xa está dispoñible na Biblioteca Ta-tum!

 

O teu último traballo, De la boca de un león, foi galardoado co Premio Alandar 2022. Como recibiches a noticia deste premio e que supón este recoñecemento para ti e para a obra? 

Alégrome moitísimo! Creo que De la boca de un león é unha novela que se mete con temas que ás veces eliximos calar, coma se fose mellor o silencio. Escribila foi por momentos moi doloroso e no proceso fixen o camiño que fai Tadeo para saír da escuridade. Emocióname que iso tocara aos lectores do premio e que teña a oportunidade de tocar a máis lectores.

 

Na novela abordas todos os temas que son fundamentais na adolescencia: o crecemento, a madurez, a busca da identidade… e o primeiro amor. Como xurdiu a idea de falar diso?

Nunca penso nos temas. Encontro a punta dun fío, que neste caso foi a imaxe do primeiro capítulo: un irmán maior que obriga ao seu irmán menor a soster enciclopedias pesadísimas cos brazos abertos en cruz e as palmas cara a arriba, e non lle deixa baixalas a pesar do cansazo e o ardor dos músculos. 

Esa foi a punta do fío e empecei a tirar. Cando cheguei ao final do capítulo sabía que o maltrato era cotián e que os pais non facían nada, non se decataban ou miraban cara a outro lado. A partir desa punta foron aparecendo os outros irmáns, o silencio nesa casa, o pai autoritario e todo o resto da novela. 

Son os meus personaxes os que traen os temas. Se estou na cabeza e na vida dun adolescente, os temas da adolescencia —algúns deles, como a violencia, o maltrato e o sometemento ou a liberdade, non son só da adolescencia— aparecen porque mentres escribo son ese adolescente.

 

O xurado puxo en valor que nesta obra «levantases unha gran historia a partir de conflitos domésticos para establecer un patrón de desactivación da violencia». A partir de que xorde esta idea? 

A novela ten unha mestura de escenas que vivín, que presenciei como testemuña, que me contaron, que lin, que vin en películas e que imaxinei, coma todo o que escribo. A imaxinación, ao fin e ao cabo, é esa mestura de memoria e invención. Teño un grande arquivo invisible cheo de caixóns con imaxes e situacións e, cando escribo, os caixóns ábrense e verten eses recordos a medida que o relato os necesita. O único que eu teño que facer é non molestar, non ter tantas ideas previas, deixar traballar tranquila a esa parte de min que sabe mellor o que se necesita.

 

En 2016 obtiveches o premio Ala Delta pola túa obra Lilo, onde xa empregaches unha novela de intriga para falar do acoso escolar e do perigo das redes sociais. Cres que as novelas son un bo medio para falarlles de temas tan importantes aos adolescentes?

Como comentaba, non trato de falar de nada en particular cando escribo; só quero contar a historia que aparece. Os temas despréndense da historia, pero nunca teño un plan previo. O que pasa é que hai temas que sobrevoan o momento no que me poño a escribir, asuntos emocionais que no máis profundo non cambian tanto no tempo. E iso fai que xurdan temas que poden ser importantes para os mozos, porque son as cousas que lles están pasando. 

O que fago é miralo. Porque me interesan, porque me interesa mirar o que nós lles propoñemos aos mozos e o que eles nos propoñen a nós. Cóstanos moito saír da idea de «isto é así porque sempre foi así, sempre se fixo así». Pensemos alternativas!

 

En De la boca de un león, introdúceste na pel de Tadeo, un mozo que vive na Arxentina e que ten problemas familiares. Como foi meterse na pel dun adolescente? 

Creo que se me dá ben meterme na pel dun adolescente! En parte, porque recordo moi ben eses anos que foron difíciles para min e, en parte, porque sinto que dentro de min convivo coa que fun de nena, de adolescente e de moza. 

Lévoas dentro a todas! Ademais dos personaxes internos que exerzo segundo a ocasión ou que, mellor dito, deciden tomar o mando cando lles dá a gana. Porque, parafraseando ao poeta Walt Whitman, «quen non leva dentro unha multitude contraditoria?». Nesa multitude tamén teño vellas e vellos e ata animais… Pero iso xa é outra historia!

Please accept statistics, marketing cookies to watch this video.

 

Como é o teu proceso de escritura? Cóntanos algunha anécdota que che acontecera mentres lle dabas forma a este libro.

Nalgún momento cruzoume pola cabeza que o pai de Vera, a moza que lle gusta a Tadeo, fose cetreiro e tivese un falcón. A cetrería, a caza con aves de presa, é un deporte moi antigo e non sabía moito do tema así que lin El peregrino, un libro que aparece na bibliografía, e mirei moitos vídeos de Pareja Obregón, cetreiro español. 

Incluso entrevistei a un cetreiro arxentino. Estabamos no medio da pandemia, así que falamos por teléfono, pero escoitaba os gritos dos seus gabiáns (el cría gabiáns!). 

Ademais, nunha conífera moi alta e frondosa que se chama araucaria e que se encontra no xardín da miña veciña, hai unha parella de falcóns. Encántame escoitalos e ver como chegan ao atardecer ao seu niño. Aprendín a prestarlles atención aos paxaros. Algo que me gusta de escribir é encontrar mundos dentro do mundo e contárllelos aos lectores. E este apaixonoume! 

 

Que che gustaría que os lectores novos leven deste libro unha vez que cheguen á última páxina?

Gustaríame que sintan que desfrutaron da viaxe e que lles valeu a pena; que se atrevan a abrirlles a porta ás emocións que a vida propón. A porta que deixa entrar ao corazón as cousas malas é a mesma que deixa entrar as boas. Cando a pechamos para non sufrir, ou porque nos negan o que pasa, tamén a pechamos á intensidade das experiencias felices. Gustaríame que sintan que se pode.

 

Por que lles recomendarías aos profesores que elixan este libro para os seus estudantes?

Teño a esperanza de que o libro abra a posibilidade de conversar sobre cousas que non son fáciles de falar. Un profesor que pode escoitar aos seus alumnos e falarlles do que outras persoas non lles queren falar é alguén a quen gardamos no corazón toda a vida. Todos tivemos algún profesor ou profesora así e sabémolo. 

Tamén creo que o libro ten suspense e dan ganas de saber o que vai pasar. É un bo libro para ler fragmentos en voz alta. As persoas que o leron dinme que non o podían deixar. Iso é sempre algo a favor dun libro para mozos. 

 

Un adianto que poidas darlles aos lectores: por que elixiches este título para o libro?

Elixino por estas liñas do libro de Christopher Marlowe (1564-1593): 

«Son a Ira. Non teño pai nin nai: saltei da boca dun león
cando tiña apenas media hora de vida, e desde entón vou
dun lado a outro do mundo, con este estoxo de espadas,
feríndome a min mesmo cando non teño a ninguén con quen
pelexar…»

Recoñecinme nesas palabras, encantoume a imaxe da ira nacendo da boca dun león. Recordoume a carta do tarot da Forza. Creo que é certo que a ira vai pola vida co estoxo de espadas e fai que nos magoemos a nós mesmos cando non podemos magoar a outros. Creo que as persoas se dividen ás veces entre os que elixen magoar a outros e os que prefiren magoárense a si mesmos antes ca a outros, pero que o asunto é recoñecer a ira e ver que se fai con iso. 

 

En poucas palabras

Se non foses guionista, editora e agora escritora, que che gustaría ter sido?

Música. Cantante. Pintora. Actriz. E nesa multitude que me habita, tamén mestra rural, doutora, curandeira… Tantas cousas! 

Como definirías o teu traballo como escritora nunha soa palabra? 

Entrega.

Ademais de De la boca de un león, que outro libro lle recomendarías ao teu público adolescente? 

Véñenme á cabeza varios títulos: Las mil y una noches; as historietas de Calvin & Hobbes; Bestiario, de Julio Cortázar; Vera historia de Indias, de Oski; e tamén Breve historia del mundo, de Ernst Gombrich. 

Moitas grazas por esta entrevista!