Bodegón

Xa podes ler os premios Ala Delta e Alandar 2023

13-12-2023

«Ante certos libros, un pregúntase: quen os lerá? E ante certas persoas un pregúntase: que lerán? E ao fin, libros e persoas encóntranse». André Gide

Ta-tum é ese punto de encontro entre os libros e as persoas, por iso xa están nos andeis da nosa biblioteca os premiados en literatura infantil e xuvenil no ano 2023. Invitámoste a descubrir as historias que gardan.

Premio Ala Delta de literatura infantil

A escritora Beatriz Berrocal, tras a publicación de máis de 20 volumes nos que alterna a prosa e a poesía, tanto para nenos, como para mozos e adultos, sorprendeunos con Río rojo. Esta gran novela chea de aventuras, cun gran fondo social, é unha gañadora da XXXIII edición do Premio Ala Delta de literatura infantil.

río rojo

 

En 1963 Sudáfrica sufría as discriminacións e opresións do apartheid, pero Shaka e os seus amigos só teñen unha idea na cabeza: convertérense no equipo de natación que chegue aos Xogos Olímpicos do Xapón! Esta é unha historia de valentía, reconciliación e esperanza, que celebra a ilusión no medio de tempos difíciles. A pesar de que esta novela está contextualizada nunha das realidades sociais máis dolorosas do século XX, desenvolve a súa historia desde unha perspectiva que mestura aventura, esperanza e, incluso, humor. É un libro perfecto para achegar o alumnado a aquela realidade, así como para establecer comparacións con diferentes épocas e situacións sociais.
Ademais o texto vese enriquecido coas ilustracións en cor de Verónica Aranda.

Premio Alandar de narrativa xuvenil

O profesor e escritor sevillano José Antonio Francés González, recoñecido polo galardón concedido polo Ateneo de Sevilla en 2007, agora volve a sorprendernos coa súa novela Dos más dos (y otros grandes enigmas de mi adolescencia), gañadora do XXII Premio Alandar.

 

Este libro déixanos claro que, na vida, dous máis dous non sempre son catro. Diego é o protagonista desta historia, dun día para outro sente que a súa vida se esboroa como pezas de dominó: Irene xa non quere estar con el, o matrimonio dos seus pais atravesa unha crise e ata o fútbol o abandona cando máis o necesita. Co fin de volver a poñer as cousas en orde terá que sortear todo tipo de situacións disparatadas para encontrar a resposta aos grandes enigmas da súa adolescencia…
Esta novela fainos entrar de cheo nas dúbidas e os perigos das verdades absolutas propias da xuventude. É un libro perfecto para ler na casa ou debater na clase.