Estrea lecturas este curso!

21-08-2023

Comeza o novo curso escolar e, con el, ampliamos os andeis da Biblioteca Ta-tum. Hai novidades para todas as idades e gustos lectores. Bótalles un ollo e anímate a exploralas. Talvez atopes unha historia que te faga soñar, suspirar, emocionarte ou… tremer! Ou, mellor aínda, o teu libro favorito deste ano. 

 

ANDEL LARANXA: ACHEGARSE Á LECTURA CON TENRURA

Cachorrito es el mejor

Texto: Gabriela Keselman
Ilustración: Natalia Colombo
Colección: Ala Delta – Serie laranxa
Idade recomendada: +4 anos
Caso en Ta-tum: podes solicitalo!

Cachorriño vai ao zoolóxico e compárase cos demais animais. O león ten unhas poutas enormes e el apenas unhas uñas moi pequenas (por riba, comeu dúas!), o crocodilo é o dono dos dentes máis afiados (a Cachorriño, ademais, caeulle un). Pobre Cachorriño! Mira os diferentes animais e cada vez está máis triste… Menos mal que está mamá! Cun enorme sorriso explicaralle todas aquelas cousas que o fan único e especial.

Un libro que conta con varios recursos para favorecer a aprendizaxe da lectura: tipografía en maiúscula, asociacións divertidas e vocabulario próximo aos eixos educativos da primeira infancia coma o esquema corporal. Todo iso aderezado polo estilo entrañable e cheo de tenrura que caracteriza a pluma de Gabriela Keselman.

 

Ella sí que me entiende

Texto: Ricardo Alcántara
Ilustración: Noemí Villamuza
Colección: Ala Delta – Serie Laranxa
Idade recomendada: +4 anos
Caso en Ta-tum: podes solicitalo!

Por que mamá non entende que non podo aguantar se teño que ir ao baño? Por que os meus amigos non entenden que falle un gol que parecía fácil? Menos mal que a miña gatiña Luna si que me entende! 

Escrito en letra ligada, cada dobre páxina amosa unha situación na que o personaxe se sente incomprendido e coa que é doado identificarse. Un libro para expresar as emocións, poñerlle palabra aos silencios e fortalecer valores como o amor, a amizade, a empatía ou a autoestima.

Ricardo Alcántara é un recoñecido e prolífico autor de literatura infantil, gañador –entre outros– do Premio Lazarillo e o Premio Serra d’Or. A ilustración de Noemí Villamuza, con liñas soltas ao carbón, crea un vínculo próximo e reconfortante.

 

El joven Sherlock Tópez en la gruta de los murciélagos

Texto: Rocío Antón
Ilustración: Lucía Serrano
Colección: Ala Delta – Serie Laranxa
Idade recomendada: +4 anos
Caso en Ta-tum: podes solicitalo!

O famoso Sherlock Tópez tamén tivo unha infancia! Xunto aos seus amigos da escola de detectives, a pequena toupiña será quen de desentrañar calquera misterio. Nesta ocasión, o seu amigo Rufino internouse nunha gruta escura e perigosa… Ninguén sabe que estraños animais encontrarán alí dentro!

Unha aventura que ofrece pistas sobre como será o futuro detective, quen revelará os misterios do bosque a través da explicación dos comportamentos dos animais. Lóxica, ecoloxía, humor e… moito entretemento! Se queres viaxar no tempo, non deixes de ler as aventuras de Sherlock Tópez de adulto.

recurso_separadorestrella_tatum

ANDEL VERMELLO: HUMOR E FAMILIA A PARTIR DOS SEIS ANOS

El frac del pingüino (y otros cuentos de animales)

Texto: Carlos López
Ilustración: Christian Inaraja
Colección: Ala Delta – Serie Vermella
Idade recomendada: +6 anos
Caso en Ta-tum: podes solicitalo!

Como conseguiu a súa luz o vagalume? Por que a cebra ten raias? Como lle medrou a crista ao galo? E como conseguiu o caracol a súa casa? Hai peixes que voan?

En 40 relatos de apenas unha páxina, Carlos López elabora unha divertida resposta sobre algún trazo dos animais seleccionados. A lectura, sinxela e amena, axuda a perfilar a observación sobre as características propias de cada especie, mentres alimenta a curiosidade por saber máis. Unha obra que, ao seu modo, rende homenaxe a Los cuentos de así fue, de Rudyard Kipling, e permite crear unha ponte entre a literatura clásica e a actual. Que máis se pode pedir?

 

Lo más raro de mi casa

Texto: María Fernanda Heredia Pacheco
Ilustración: Roger Ycaza
Colección: Ala Delta – Serie Vermella
Idade recomendada: +6 anos
Caso en Ta-tum: xa dispoñible

Para un concurso do colexio hai que levar o máis raro da casa. O protagonista desta historia busca entre as cousas da súa nai e nada lle chama a atención. Mira entre as cousas do seu pai e todo lle parece normal… Pero, cando menos o espera, descubre que seu avó agocha un obxecto extraordinario.

Un libro para reflexionar sobre a importancia das relacións interxeracionais e, en concreto, sobre o importante vínculo entre os netos e os seus avós. A súa lectura abrirá posibilidades de diálogo a través da historia familiar, social e cultural.

Lo más raro de mi casa recibiu o prestixioso premio que outorga a Fundación Cuatrogatos, e é un fiel candidato ao «Libro máis lido cos avós».

recurso_separadorestrella_tatum

ANDEL AZUL: IMAXINACIÓN, MÚSICA E UNHA FRAUTA MÁXICA

¡Que vienen los zombis!

Texto: David Fernández Sifres
Ilustración: Ximena Maier
Colección: Ala Delta – Serie Azul
Idade recomendada: +8 anos
Caso en Ta-tum: podes solicitalo!

Villavernes de la Vega prepárase para recibir uns visitantes insólitos. Sábese que teñen moitísimos anos, que camiñan de vagar e que, cando cheguen, todo ten que saír «de medo». Que outra cousa poderían ser máis que zombis? Joseque, Teban e Pancho reúnense para deseñar un aloucado plan para controlar os perigosos hóspedes. Cada acción é máis disparatada ca a anterior!

Trátase da cuarta aventura da serie ¡Que vienen! Está chea de humor, baseada nos equívocos e as confusións. A lectura invita a debater sobre as consecuencias das confusións da imaxinación. Ademais, de forma implícita contén gran cantidade de valores e consellos para desenvolverse na vida cotiá. É unha historia perfecta para realizar representacións na clase! 

O seu autor, David Fernández Sifres, é unha das voces máis prometedoras da literatura infantil e xuvenil. Foi merecedor, entre outros, dos premios Alandar, Ala Delta ou Barco de Vapor.

 

Un flautista en Nilemah

 

Texto: Xabier López López
Ilustración: Santy Gutiérrez
Colección: Ala Delta – Serie Azul
Idade recomendada: +8 anos
Caso en Ta-tum: podes solicitalo!

Cando Filippo Lettera descubriu aquela rata que asomaba os bigotes pola caixa do correo, pouco podía imaxinar que se trataba da primeira das miles que ían tomar Nilemah (con hache tras o a), ata o punto de volver a cidade do revés. Pero para todo hai solución! Ninguén oíu falar de certo frautista infalible?

Esta aventura áxil e moi divertida inspírase en O frautista de Hamelín e conserva todas as pegadas dos contos marabillosos. A partir deste clásico crea unha historia nova cunha trama sinxela e doada de seguir para contar unha fábula moral. 

O relato é ideal para ler dentro do marco escolar, pois permite debater sobre a importancia de cumprir os tratos, o egoísmo dos representantes públicos e os seus intereses creados, o necesario respecto ao medio ambiente ou a importancia da lectura. 

recurso_separadorestrella_tatum

ANDEL VERDE: HISTORIA, ENCONTROS, DEREITOS E CONCILIACIÓN

El equipo de las chicas

Texto: Pasqual Alapont
Ilustración: Julia Cejas
Colección: Ala Delta – Serie Verde
Idade recomendada: +10 anos
Caso en Ta-tum: podes solicitalo!

A Marina encántalle o fútbol e é tan boa co balón que parece que fai maxia cos pés. Pero os rapaces non llo poñen fácil e impídenlle xogar no campo de fútbol do patio. Cando está a punto de resignarse, Chusa, unha compañeira de clase, anímaa a loitar polos seus dereitos e proponlle unha solución: as rapazas farán un equipo e demostrarán que son capaces de todo. Tremede, rapaces, acaban de nacer as Rosa Parks!

Unha interesante novela que toma como punto de partida o auxe do fútbol feminino para sensibilizar os lectores novos das dificultades que encontran as mulleres ou calquera persoa nunha sociedade que non atende as diferenzas.

Unha aventura de superación que introduce o tema da conquista da igualdade noutros lugares, noutras épocas e por outros motivos. En síntese: unha obra que conciencia o alumnado sobre a importancia dos dereitos individuais e colectivos.

 

Son cosas que pocas veces ocurren

Texto: Daniel Nesquens
Ilustración: Ona Caussa
Colección: Ala Delta – Serie Verde
Idade recomendada: +10 anos
Caso en Ta-tum: podes solicitalo!

Unha nena, un ancián e unha abella. Poucos elementos máis fan falta para tecer unha narrativa na que as voces dos protagonistas constrúen unha historia de encontro. As xeracións crúzanse, dialogan, aprenden unha da outra, danse a man.

O señor F.G.H non sae da súa casa. O seu contacto co mundo exterior pasa por observar os campos desde a fiestra. Ao mesmo tempo, a neta do seu mellor amigo, Anabell, acode para coidarlle o xardín e levarlle a compra. Unha abella será a testemuña do encontro e do vínculo que ambos crearán a través da natureza e o tempo.

Esta historia escrita polo recoñecido autor Daniel Nesquens resultou finalista do premio Ala Delta 2022.

 

Río Rojo

Texto: Beatriz Berrocal
Ilustración: Verónica Aranda
Colección: Ala Delta – Serie Verde
Idade recomendada: +10 anos
Caso en Ta-tum: podes solicitalo!

Sudáfrica, 1963. Son os anos do apartheid. A poboación negra vive oprimida e a tensión social vai en aumento. Pero Shaka e os seus amigos só teñen unha idea na cabeza: convertérense no equipo de natación que chegue aos Xogos Olímpicos do Xapón! Todos os días, e a pesar das dificultades, adestran nun río castigado polos efectos dunha seca persistente.

A obra resultou gañadora do XXXIII Premio de Literatura Infantil Ala Delta 2023. Unha historia sobre valentía, reconciliación e esperanza, que celebra a ilusión no medio de tempos difíciles.

É un dos poucos libros de literatura infantil e xuvenil que trata o tema do apartheid en Sudáfrica. E faino desde unha perspectiva que mestura aventura, esperanza e, incluso, humor. É perfecto para falar na clase de racismo e desigualdade, así como para establecer comparacións con diferentes épocas e situacións sociais.

recurso_separadorestrella_tatum

ANDEL +12: MAR NO PAPEL, VIDA NA VIDA

El paraíso estuvo aquí

Texto: Rosa Huertas
Colección: Alandar
Idade recomendada: +12 anos
Caso en Ta-tum: podes solicitalo!

A avoa de Sara empéñase en levar os seus netos de vacacións a unha localidade da costa, no mar Menor. Ao principio, Sara renega dunha praia na que non é agradable bañarse, ata que aparece Tina, unha moza moi estraña da súa idade, e todo empeza a cambiar de maneira misteriosa. Descubrirá a outra cara deste lugar, o paraíso que foi, e os segredos que agocha…

Unha novela que reflicte os conflitos propios da adolescencia e a adquisición da madurez. Mentres os lectores novos asisten ao proceso de maduración de Sara, tamén descobren a fondo un tema de actualidade como é a contaminación das augas do mar Menor e a necesidade de coidar o medio ambiente.

recurso_separadorestrella_tatum

ANDEL +14: MISTERIO, ADOLESCENCIA E OUTROS ENIGMAS PARA TREMER!

La quinta noche

Texto: Mercedes Olivet
Colección: Alandar
Idade recomendada: +14 anos
Caso en Ta-tum: podes solicitalo!

1851.A traxedia asola a mansión de Crompton Place: os irmáns Royceston e súa nai morreron de maneira misteriosa. Pero Frankie, un mozo orfo, escoita unha perturbadora conversa secreta que lle dará a clave para desenmascarar o culpable. A conta atrás comezou… E el poñerá en risco a súa vida intentando romper unha terrible maldición!

Este libro foi finalista do Premio Alandar 2023. E con razón! Un ambiente vitoriano que lembra a Charles Dickens, unha trama de acción envolta por un grande enigma e un punto fantasmagórico que rompe o equilibrio coa razón.

 

Dos más dos (y otros grandes enigmas de mi adolescencia)

Texto: José Antonio Francés
Colección: Alandar
Idade recomendada: +14 anos
Caso en Ta-tum: podes solicitalo!

Na vida, dous máis dous non sempre son catro. E se non que llo digan a Diego. Desde que Roberto chegou á clase, a súa vida derrúbase como pezas de dominó. Irene xa non quere estar con el, o matrimonio de seus pais atravesa unha crise e ata o fútbol o abandona cando máis o precisa. Todo lle sae mal! E o peor é que canto máis trata de arranxalo, máis mete a zoca. Diego terá que sortear todo tipo de situacións disparatadas para encontrar a resposta aos grandes enigmas da súa adolescencia… Dous e dous son catro?

Esta novela, gañadora do XXII Premio de Literatura Xuvenil Alandar 2023, propón entrar de cheo nas dúbidas da adolescencia e os perigos das verdades absolutas a través dun personaxe moi humano. Un libro perfecto para ler na casa ou debater na clase. A historia presenta ideas complexas como a necesidade de aceptar os cambios na vida, os malentendidos, a rixidez mental por falta de madurez ou as bondades do perdón. 

 

En definitiva…

Agárdanvos marabillosas e trepidantes aventuras que, como ben se sabe, traspasan o límite do papel. Cada unha delas conta co atractivo da propia historia e, ademais, unha multiplicidade de temas que poden abordarse de maneira transversal na aula.