PENGUIN AULA E EDELVIVES, XUNTOS POLO FOMENTO DA LECTURA NAS AULAS
En Ta-tum cremos firmemente que a lectura pode cambiar vidas. Por iso, non poderiamos estar máis felices de compartir unha nova que amplía horizontes lectores para milleiros de estudantes: Edelvives e Penguin Random House Grupo Editorial firmaron un acordo para levar ás aulas aínda máis historias que inspiran, emocionan e educan.
Este novo paso súmalle á plataforma 75 dos títulos máis prescritos de literatura infantil e xuvenil de Penguin Aula, a canle escolar de Penguin Random House Grupo Editorial (PRHGE), e permítenos superar xa os 1.000 libros dispoñibles en Ta-tum. Isto significa máis xéneros, máis autores e autoras, máis miradas… En definitiva, unha biblioteca máis rica, inclusiva e motivadora para as mozas e mozos lectores.
Un compromiso ante un reto urxente
A comprensión lectora segue sendo un dos grandes desafíos educativos. Segundo o último informe PISA, 1 de cada 4 adolescentes en España non alcanza o nivel mínimo de comprensión lectora, unha cifra que empeorou nos últimos anos. Fronte a este panorama, o fomento da lectura non pode ser unha tarefa illada: require colaboración, innovación e compromiso.
Unha alianza con propósito
Como destacou Alejandro Cebrián, director xeral de Edelvives España, durante a presentación do acordo o pasado día 29 de maio:
«Queremos encher as aulas de lecturas que enganchan, emocionan e falan o idioma do alumnado de hoxe para axudarlle a crecer dentro e fóra da aula».
Edelvives e Penguin Aula comparten esa visión: levarlles aos centros escolares libros que conecten co alumnado, que reflictan os seus intereses e que lle abran a porta á reflexión, á imaxinación e ao pensamento crítico.
Que cambia para as persoas usuarias de Ta-tum?
- Máis variedade de lecturas, con títulos de autores e autoras recoñecidas do catálogo de Penguin Aula.
- Máis oportunidades para traballar a comprensión lectora, grazas aos recursos didácticos que acompañan cada título.
- Máis motivación: lecturas que se adaptan aos gustos dos e das estudantes e os e as converten en persoas lectoras activas.
Desde Ta-tum, seguiremos traballando para que a lectura sexa unha ferramenta de transformación educativa e, con este acordo, damos un gran paso para que máis docentes e estudantes teñan acceso a unha biblioteca dixital con historias que deixan pegada.