Top 5 dos libros máis lidos en Ta-tum durante 2024

17-12-2024

Achégase o final deste ano 2024 e, antes de que acabe, é un excelente momento para volver a vista atrás e comprobar cales foron os libros máis lidos en Ta-tum durante estes doce meses.

Se non os liches aínda, invitámoste a que lles botes un ollo e, sobre todo, a que os traballes na clase cos teus estudantes. Xuntos descubriredes por que cativaron xa a tantos e tantas «tatumers»…

 

A complicada vida de Bieito Viqueira

Texto: Antonio Yáñez Casal
Ilustración: Fernando Llorente
Idade recomendada: A partir dos 10 anos
Caso en Ta-tum: xa dispoñible!

Esta é unha historia de amor. E xa se sabe que, ás veces, o amor nos fai cometer imprudencias. Sobre todo, se te chamas Bieito Viqueira e tes unha familia peculiar, uns amigos con afeccións extravagantes e un pensamento que non dás sacado da cabeza.
Velaí os ingredientes idóneos para que calquera plan se converta nunha monumental desfeita.

 

Cadeliño é o mellor

Texto: Gabriela Keselman
Ilustración: Natalia Colombo
Colección: Ala Delta Serie Laranxa
Idade recomendada: A partir dos 4 anos
Caso en Ta-tum: Proximamente

Cadeliño foi ao zoolóxico coa súa nai e alí atopou moitos animais: o león, a xirafa, o cisne… Todos tiñan algo especial, mesmo el, pero Cadeliño aínda non o sabía.
Interior impreso en letra maiúscula.

 

Ari e o minotauro

Texto: Ramón Caride Ogando
Colección: Catavento
Idade recomendada: A partir dos 12 anos
Caso en Ta-tum: xa dispoñible!

A vida de Ari semella coma a de calquera rapaza da súa idade, atafegada entre o colexio, as amigas e a súa nai, que non entende que está comezando a facerse maior. Na praza que atravesa catro veces por día coñece un home que está alí acampado, un ancián sorprendente que sabe da vida, e tamén da propia Ari e da súa familia, moito máis do que aparenta. Descubrir o seu segredo será apaixonante e doloroso, como acontece sempre coa existencia, un labirinto aínda máis enguedellado ca o do Minotauro.

 

Casas

Texto: Paula Carballeira
Ilustración: Minia Regos
Colección: Ala Delta – Serie Azul
Idade recomendada: A partir dos 8 anos
Caso en Ta-tum: xa dispoñible!

Hai tantas casas coma xente que vive nelas. Casas con tellado, casas de tea, casas de papel, casas de palla, casas acolledoras e casas enfadadas. Cómpre levarse ben con elas, para que te protexan e te coiden. Moitas quedan quietas nun sitio e suspiran por coñecer mundo, ou por que lles falen de lugares que nunca van coñecer. Pero hai outras que viaxan e prefiren, como as persoas, ver deseguido paisaxes distintas.

 

 

Icía e o diplodoco caguiñas

Texto: Antonio Yáñez Casal
Ilustración: Teresa Novoa
Colección: Ala Delta – Serie Azul
Idade recomendada: A partir dos 8 anos
Caso en Ta-tum: xa dispoñible!

Se vas a unha sociedade protectora de animais e ves unha cría de diplodoco que ten cara de tristura, é lóxico que che entren ganas de acollela. Pero se, cando chega o momento de que faga a súa vida, descobres que levaches para a casa un dinosauro caguiñas, xa te podes preparar para recibir máis dunha sorpresa.