Uns vilans moi bos

01-03-2023

Preparade garras, cairos, garfos e caldeiros… Os Malos de cuento chegan a Ta-tum! E traen con eles aventuras tan divertidas coma orixinais. 

A colección «Unos villanos muy buenos» está protagonizada polos viláns do imaxinario infantil. Pero, nesta ocasión, a través das súas historias descubrirase o seu segredo mellor gardado. Preparádevos para descubrilo!  Só podemos dicir que, ás veces, os bos non son tan bos nin os malos tan malos. Un pirata pode facer dos libros o seu tesouro, un ogro escribir o conto máis belo e unha bruxa crear feitizos insólitos. Todo é posible se se ten unha boa dose de paciencia e se lles ofrece aos demais a oportunidade para demostrar quen son. 

Malos de cuento recoméndase para lectores de cinco anos en diante. Os contos teñen letra ligada e pictogramas para favorecer a lectura. Aínda non ten actividades na Biblioteca de casos, pero podes votar para que os elaboremos. Ata o de agora, os títulos publicados na plataforma son os seguintes:

 

Un desastre de bruja

Genoveva é unha bruxa que intenta facer o que os demais esperan dela, pero non o consegue. Non obstante, ten un talento oculto para a repostería que non tardará en ver a luz. Iso é verdadeira maxia!

 

Los fantasmas buscan casa

Unha familia de pantasmas busca un fogar. Un castelo en ruínas parécelles o lugar máis apropiado, pero non deixan de ler carteis con advertencias sobre o señor do castelo. Ata que descobren que… nada é o que parece! 

 

El vampiro debilucho

Fermín prefire ler a voar. Pero isto pode ser útil para un vampiro? É a aprendizaxe que fará a súa familia e a vila na que habitan, cando Fermín lles ensine que sempre se pode cambiar a historia. 

 

Una familia de ogros

Que hai de certo no que sabemos dos ogros? Unha familia destas grandes criaturas verase obrigada a vivir illada polos prexuízos dos seus paisanos. Entón un concurso de contos cambiará o destino duns e doutros…

 

Una momia muy responsable

Fátima é unha momia moza que vive coa súa familia. A súa vida desenvólvese con normalidade, ata que un grupo de turistas se perde na súa pirámide. Coas súas vendas ben postas, Fátima disponse a axudalos. Deixarán que o faga ou botarán a fuxir? 

 

El pirata metepata

Navegar polos mares é propio dun pirata, pero… e se non sabes ler? O noso bo protagonista descubrirá que aprender pode ser unha aventura tamén, ben interesante, que o guíe ata tesouros insospeitados. 

recurso_separadorestrella_tatum

Rocío Antón e Lola Nuñez escriben con mestría estes contos, aparentemente sinxelos, que permiten falar sobre as aparencias, os prexuízos, a tolerancia e a singularidade de cada persoa. Un logro importante que vai en consonancia coa aprendizaxe literaria, onde os personaxes complexos forman parte fundamental no desenvolvemento da competencia lectora. 

Rocío e Lola tamén son as creadoras das historias de Los casos de Sherlock Tópez e Cuentos del viejo roble, que tamén podes encontrar en Ta-tum. Se queres saber máis sobre elas non perdas esta entrevista

Os trazos da ilustradora Claudia Ranucci dotan de simpatía os protagonistas de Malos de cuento e transforman a fealdade en beleza, para volvelos próximos nun universo tan fantástico coma real.

Se estes libros se converten nos favoritos da clase, é interesante que saibas que se complementan coa colección Buenos de cuento. De que trata? Seguro que empezas a intuílo! Ata entón, esperámoste no «lado escuro».