Entrevista a David F Sifres recuperado

Un escritor na Escola Avante: entrevista a David F. Sifres

14-12-2021

David Fernández Sifres é o escritor que fai latexar as aventuras do equipo Nautilus. Inspirado nas historias clásicas, na súa cabeza nacen os misterios que deben resolver os protagonistas da Escola Avante. David recibiu, entre outros, o XXIII Premio Ala Delta e o XI Premio Alandar, ademais de ser o autor de series tan divertidas coma «¡Que vienen…!». Nesta entrevista confésanos algúns segredos propios da súa profesión literaria e cóntanos que hai tras o pano da colección Avante.  

 

Cando soubeches que querías dedicarte a escribir?

Iso exactamente non o sei, pero si que lembro escribir moito desde neno. Se no colexio nos mandaban facer unha redacción dun folio, eu escribía tres, pero non porque mo propuxese, senón porque empezaba, leábame e tiraba para adiante. Nun folio non me cabía todo o que quería contar. Logo deime conta de que o que realmente me gustaba era inventar historias, e escribilas era o medio máis barato e perdurable para contárllelas a outros.

Ta-tum Entrevista David

 

Como é a túa rutina de traballo de escritor?

Non teño ningunha. Teño outro traballo e tres fillos pequenos, así que escribo cando boamente podo. Intento facelo cando toda a familia está xa na cama, pero a maioría dos días caio co sono. O que si é certo é que, polo xeral, as historias escríboas primeiro na miña cabeza e, cando as teño completas, empezo a teclealas. Sempre digo que pensar tamén é escribir.

 

Que pensan a túa familia e amizades sobre elixir esta profesión?

Como che dicía, teño outro traballo principal e o de escribir veno máis como a actividade á que dedico o meu tempo libre. En calquera caso, se convives cun escritor dáste conta de que a idea romántica do escritor ao que lle vén a inspiración e escribe non é certa. Escribir supón un esforzo, traballar moito as ideas e as palabras, os enfoques, o ton, o ritmo… Moitas cuestións máis técnicas que se afastan desa idílica imaxe. Ademais, no meu caso e en numerosas ocasións, resúltame desesperante porque me custa estar totalmente conforme co que tecleo. Neste sentido, moita xente envexa o resultado, pero poucos o camiño.

Ta-tum entrevista David

David, xunto a parte da súa familia, diante do castelo de Rosenborg (Copenhague), convertido no castelo Billinghurst na primeira novela da colección Avante.

 

Que é o máis gratificante de lles dar vida ás historias da Escola Avante? En que te inspiraches para crear as súas aventuras?

As dúas preguntas teñen moito que ver. Dos meus libros de infancia, os que recordo con máis cariño e os que probablemente máis me marcaron foron os da colección de El club de los Cinco, de Enid Blyton. Encantábame que os protagonistas puidesen vivir aventuras pola súa conta, esa independencia, a natureza, as acampadas, as merendas ao redor dun lume, os misterios e esas comidas pantagruélicas con pratos que non escoitaras xamais pero que che facían a boca auga. Lendo eses libros, quen non quixo beber cervexa de xenxibre, comer pastel de carne ou durmir nunha cama de breixo baixo as estrelas entre as ruínas dun castelo? 

Coa Escola Avante tiven a oportunidade de facer a miña particular homenaxe a esta colección, e por iso os protagonistas acampan, son independentes, resolven os misterios coa participación de todos e danse unhas homenaxes gastronómicas de encher.

Entrevista a

 

Tes algún personaxe favorito ou sobre o cal gozas escribindo? Cal?

Para min non había discusión en que Zinca debía ser a líder do grupo, a persoa en que todos confían e a que ten a clarividencia necesaria para organizar mentalmente todo o que teñen entre mans. Gústame moito o seu personaxe, esa seguridade que lles achega a todos, esa sensación dos demais de que se está ela todo vai ben. Por outro lado, Oto faime graza polo contrario, por ser absolutamente inseguro, por poñerse nervioso, por falar máis da conta, por ser boa xente aínda que ás veces monte leas… Nas visitas a coles pregúntanme sempre polo personaxe co que me identifico, e Oto é a resposta.

Entrevista a Da

Sabemos que tes máis títulos en Ta-tum, que vantaxes ten que os teus libros estean impresos e tamén en dixital?

Ampliar as canles polas que pode chegar a historia ao seu destino aumenta as posibilidades de que alguén a coñeza, claro. Polo xeral, penso que os que me len en Ta-tum probablemente non me lerían en papel, e a facilidade de acceso a outros títulos permite que, se lles gustou un dos meus libros, poidan ler outro ao momento.

 

Agora, a verdade, canto de fácil e difícil é traballar con Albertoyos, ilustrador da colección Avante?

Alberto entusiasmouse desde o principio con este proxecto e iso é contaxioso. Traballamos moi ben xuntos e, incluso, fomos retroalimentándonos. Por exemplo, en Las inauditas apariciones de la isla de Nolan, o segundo título da colección, aparecen unhas gaivotas mecánicas porque Alberto me dixo que lle apetecía debuxar algo así. Por iso busquei a forma de meter unha escena con elas. É máis: suponse que Alberto e mais eu non nos coñeciamos e que iamos traballar por separado, polo menos de inicio. Non tiñamos os nosos contactos, pero Alberto buscoume polas redes e puxémonos a traballar en comunicación constante. Creo que iso foi moi bo. De feito, decidimos deixar algunhas pistas deste contacto un tanto «secreto», e nalgunhas ilustracións está, oculta, a marca que el inventou para nós: Siphres & Holes. Alguén se anima a buscala?

Ilustración Albertoyos Siphres

Despois da serie da Escola Avante: cal dos teus libros nos recomendarías?

Para doce anos ou máis recomendaría El faro de la mujer ausente, que foi Premio Alandar. É o libro que máis me custou escribir, pero quedei moi satisfeito con el. Dez anos despois segue presente en multitude de coles. Para lectores a partir de oito, quizais Un intruso en mi cuaderno. Foi Premio Ala Delta e é un libro que escribín desde o corazón, o único que escribín sen un guión previo. É un libro transparente nese sentido e creo que por iso chega tanto. Leva unhas catorce ou quince reimpresións.

Pero se buscades algo máis de humor para esa mesma idade, calquera dos «¡Que vienen!»: ¡Que vienen los marcianos!, ¡Que viene el diluvio! ou ¡Que vienen los fantasmas!

Unha das últimas incorporacións á biblioteca de Ta-tum é Cómo ríen las sirenas. Todos estes títulos están dispoñibles en castelán e algúns deles, ademais, traducíronse a outras linguas.

Ta-tum buscador con lupa autor

 

EN POUCAS PALABRAS

A unha illa deserta levarías…

Se fose alí voluntariamente, á miña muller e aos meus tres fillos. Se aparecese alí coma un náufrago, un móbil con cobertura e posicionamiento GPS, ai!

Se foses un personaxe de ficción serías…
Agora mesmo, o cabalo Spirit, que teño os meus fillos obsesionados. 

Un superpoder que botas de menos…
Organizarme para ter algo de tempo libre. 

Que libro descansa agora sobre a túa mesa de noite?
Sálvora, diario de un farero, as memorias de Julio Vilches naquel lugar. 

A túa palabra favorita…
Para escoitala: papá.

 

Moitas grazas, David!