
Tres ‘webinars’ sobre lectura con Lara Meana
Queremos axudarche a sacar o máximo partido aos recursos dos que dispós en Ta-tum e a gozalos cos teus alumnos e alumnas. Para iso, propoñémosche tres novos seminarios online en que a libreira e formadora de mediadores Lara Meana compartirá a súa dilatada experiencia en promoción lectora. Ao longo de tres sesións, complementarias pero independentes, descubrirás ferramentas para promover a afección aos libros entre o teu grupo de estudantes, aprenderás pequenos trucos para gozar da lectura compartida en voz alta e verás como tirarlle moi bo proveito ás conversacións literarias.
Convidámoste a sumarte a estes interesantes webinars e esperamos que goces deles!
Relatora: Lara Meana, con formación inicial en psicoloxía libreira especialista en LIX (El bosque de la maga Colibrí, Xixón, Asturias), promotora de lectura, escritora, tradutora de álbum ilustrado
Idioma: castelán
Duración: 50 min cada sesión
Eu leo, ti les, nós lemos
Mércores, 26 de xaneiro, 18:00 h
Unha palabra tan curta como ‘ler’ engloba unha enorme complexidade de procesos cognitivos, diferentes para cada tipo de lector. A comprensión lectora vai moito máis alá da descodificación e a extracción da información dos textos. Ler é, tamén, saber interpretar o mundo e descifrar os seus códigos; dótanos de ferramentas para enfrontarnos aos retos e as dificultades que atopamos como seres humanos.
Neste webinar descubrirás como a lectura é unha ferramenta de construción de sentido e unha forma de aprender e ensinar a ler o mundo. Tamén coñecerás como se desenvolve a evolución lectora, así como os procesos cognitivos dos lectores en formación.
Ler a viva voz: ferramentas para a lectura en voz alta
Mércores, 16 de febreiro, 18:00 h
O gusto polas historias, a principal motivación para ler, nace dun feito colectivo: a narración ou a lectura en voz alta por parte da outra persoa. Escoitar esperta o noso desexo de ser capaces de acceder ao libro polos nosos propios medios. Non obstante, é moito máis ca iso: é un momento de afecto compartido, unha oportunidade de comunicación, un modelo que seguir para aprender a ler en voz alta ou para conversar sobre lecturas. Pero, sobre todo e para todos, é un gozo imperdible.
Ao longo desta sesión analizaranse as grandes vantaxes da lectura en voz alta e desmontaranse mitos e costumes ancestrais. Tamén descubrirás a importancia que ten aprender a escoitar para aprender a ler, así como pequenos trucos para mellorar a túa lectura en voz alta e avaliala.
Falar sobre libros na aula
Mércores, 16 de marzo, 18:00 h
A conversación literaria ao redor dunha obra lida de forma compartida, xa sexa en voz alta ou individualmente por cada un dos estudantes, é unha ferramenta potente en moitos sentidos. Por unha banda, permítenos desenvolver as competencias de expresión oral e de escoita activa do alumnado. Por outra, pon en valor as interpretacións persoais, dotando as persoas lectoras de vocabulario e conceptos para construír unha análise literaria propia. E, ademais, ofrécenos unha forma de avaliar máis completa, baseada en afondar no texto e non só na recollida de información.
Lara compartirá neste seminario online as bases para iniciar unha conversa literaria, reflexionará sobre a arte de preguntar e ofrecerá ferramentas para traballar cara a unha educación literaria máis aberta e completa.
- Inscríbete unha soa vez para asistir aos tres webinars.
- Recibirás un correo electrónico coa ligazón de acceso a cada un dos webinars.
- Poderás asistir desde calquera dispositivo e lugar, escoitar a nosa relatora en directo e preguntar as túas dúbidas.
- Ademais, despois de cada sesión dispoñerás da gravación para vela tantas veces como queiras.