
Sospetoisamente bos
Aterra en Ta-tum a colección Buenos de cuento! Nestas historias, os personaxes bos dos contos ensinan a cara oculta da súa afable aparencia e invítannos a pensar que non é ouro todo o que reloce.
Cada título ten como protagonista a un dos heroes ou heroínas dos contos clásicos. Polas súas páxinas desfilan sereas, sabios, trasnos e fadas, pero cunha característica especial que non encaixa co seu impoluto historial literario.
Buenos de cuento está recomendada para nenos e nenas a partir dos cinco anos. Os libros preséntanse con letra ligada e intercalan pictogramas para axudar no proceso lector. Polo de agora, non ten casos asociados, o que non significa que non se realicen no futuro. Se che interesa algún título en particular, podes votar para que o teñamos en conta.
Nicolás, el sabio mentirosillo
Todas as persoas acoden a Nicolás cando necesitan un consello, mágoa que lle caian do papo tantas mentiras! Cansados da situación, os seus amigos e amigas preparan un plan. Poderá Nicolás recuperar a confianza dos seus seres queridos?
Eloísa, la princesa perezosa
Estragar os plans e chegar tarde son as especialidades de Elisa, unha princesa á que lle pode a folganza. Seus pais, decididos a cambiar a súa filla, pídenlles axuda aos reis veciños. Lograrán a súa encomenda?
Rita, el hada desordenada
Cando os reis acoden a Rita para desencantar o seu fillo, convertido en ra, e a fada non atopa o ungüento debido á desorde… prodúcese un punto de inflexión. De que serve ser unha fada se non lles podes axudar aos demais? Poderá Rita cambiar?
Ramiro, el príncipe miedoso
Alí-Valentín é o valente rei dun afastado país de Oriente. Ao seu primeiro fillo chamoulle Ramiro, coma un rei amigo seu alcumado «Ramiro o Invencible». Pero o seu cativo estremécese con todo: coa noite, cos cabalos, cos cans… Ramiro verase envolto nunha aventura na que aprenderá a controlar os seus temores.
Marimar, la sirena gruñona
A Marimar non lle gusta nada a súa vida de serea: quéixase por cantar ou por facer colares. O mundo mariño só a escoita bufar entre enfado e enfado. Pero entón rescata uns náufragos, que a obrigan a mirarse a si mesma. Poderá cambiar a súa actitude?
Simón, el duende caprichoso
Simón só quere xogar: non lle dá importancia a recoller os froitos do bosque nin a pedirlles aos vagalumes que acendan a súa luz. O problema xorde cando lles di ás súas amizades: «Se queredes ser os meus amigos, vinde xogar!». Que pasará se os trasnos descoidan o seu traballo?
Buenos de cuento anímanos a recoñecer as sombras que, inevitablemente, se forman coa luz. Pero, lonxe de fuxir delas, anímanos a enfrontarnos a elas a través da reflexión e da vontade.
Detrás desta divertida colección están as plumas de Rocío Antón e Lola Nuñez, coñecidas tamén por Malos de cuento, Los casos de Sherlock Tópez e Cuentos del viejo roble. Ambas as escritoras destacan por unha grande empatía coa primeira infancia, que demostran en historias frescas, alegres e cun fondo vinculado ao coñecemento ou á reflexión.
A ilustradora Claudia Ranucci dálles forma e carácter aos personaxes a través das súas ilustracións, nas que non deixa de dar pistas sobre o seu auténtico carácter.