
Por se as perdiches… recompilamos novidades!
En Ta-tum a mellora é constante! Neste artigo recompilamos as últimas novidades que implementamos na plataforma, aínda que quizais xa as coñezas…
En cada unha das túas clases apareceu unha nova pestana «Os libros» e tamén podes consultar a cualificación media dos estudantes en cada caso. Para acceder a unha clase, diríxete desde o menú principal a «As miñas clases» ou, directamente, fai clic no seu nome.
Os libros da clase
Xunta a pestana «Os casos», incluímos a pestana «Os libros», que funciona coma unha biblioteca de aula. Aquí incorpóranse automaticamente os libros dos casos que crees na clase e tamén podes engadir lecturas recomendadas para o teu alumnado. Ao facer clic na cuberta de cada libro poderás observar o progreso lector dos teus estudantes. Neste artigo, contámoscho con todo luxo de detalles.
Cualificación media do caso
Dentro de cada clase, na pestana «Os resultados», pódese consultar e exportar a puntuación e a cualificación dos estudantes en cada pescuda, en cada caso e en total. Agora, xa podes ver a cualificación media, sobre 10 puntos, do teu alumnado en cada caso.
O catálogo de libros tamén cambiou bastante! Para acceder a esta sección, desprega o menú principal e fai clic en «Libros»; abrirase unha nova pestana no navegador onde se mostra todo o fondo editorial de Ta-tum.
Ordena os resultados
Sabemos que pode ser un pouco difícil elixir lecturas, por iso habilitamos a posibilidade de ordenar os resultados que mostra o catálogo de libros. Podes organizalos alfabeticamente (A-Z ou Z-A), ver primeiro os máis lidos na plataforma ou as últimas incorporacións.
Solicita un caso
A maioría dos títulos que están en Ta-tum contan cun caso (na Biblioteca de casos), é dicir, cunha introdución e unha serie de actividades para antes, durante e despois da lectura. Algúns libros do catálogo non dispoñen dun caso asociado, pero iso non significa que non o poidamos elaborar. Podes solicitar a creación dun caso utilizando o botón «Votar» que encontrarás na ficha de cada libro.
Libros con recursos
Incorporamos catro coleccións recomendadas para primeiros lectores que inclúen pictogramas para facilitar a lectura: Los casos de Sherlock Tópez, Cuentos del viejo roble, Buenos de cuento e Malos de cuento.
Ademais, algunhas das nosas lecturas contan con locucións completas. Este recurso está dispoñible nalgúns libros de castelán para pequechos e en todos os nosos libros de inglés.
Se estás buscando títulos con estas características, utiliza o filtro «Recursos» para encontralos. Lembra que a opción «con actividades» permíteche atopar aqueles que xa contan cun caso na plataforma.
Máis tipografías, máis accesibilidade
Como sabes, a interface de lectura de Ta-tum permite personalizar a aparencia de cada libro. Engadimos dúas tipografías novas para facilitarlles a lectura a estudantes con dislexia ou aos que prefiren ler en maiúsculas. Neste artigo contámosche como modificar o aspecto dos libros dixitais.
Imprime a noticia e as medallas de cada caso
Hai tempo que habilitamos a posibilidade de imprimir a noticia da sección «Búscase», que serve como introdución a cada un dos casos. Agora tamén podes imprimir as medallas, é dicir, as recompensas do caso e entregárllelas aos teus estudantes fisicamente cando as consigan na plataforma.
Axudámosche
Xa tes dispoñible, dentro da plataforma, unha ferramenta de axuda onde poderás atopar vídeos titoriais, gravacións das formacións, acceso ao noso blog e un formulario de soporte. Neste artigo contámosche en detalle como funciona.
Sabías que moitas destas novidades son suxestións de docentes coma ti? Encantaríanos recibir os teus comentarios, impresións, ideas… Escríbenos e tomaremos nota!