Novos títulos para o novo curso!

08-09-2022

Xa chegou setembro e, con el, a ilusión dun novo curso por diante. Para celebralo, a Biblioteca Ta-tum complétase con 13 novos títulos para todas as idades. Nesta selección poderás encontrar lecturas de aventuras, adiviñas ou metáforas para reflexionar co teu alumnado sobre o coidado do medio ambiente, biografías para descubrir figuras como a de Clara Campoamor ou novelas realistas para poñerse na pel dun neno refuxiado. Todas son propostas moi diferentes que teñen un fin común: gozar da lectura na aula e tamén na casa!

recurso_separadorestrella_tatum

Don Yata. El misterio de las bayas doradas

Texto: David Fernández Sifres
Ilustración: Claudia Ranucci
Colección: Ala Delta – Serie Laranxa
Idade recomendada: + 4 anos

Como novidade, a Biblioteca Ta-tum inclúe este curso libros da Serie Laranxa de Ala Delta, recomendados para primeiros lectores. E que mellor que facelo coa primeira aventura deste simpático rinoceronte dirixida a quen empeza a ler. Este libro está editado en letra ligada para facilitar a lectura e ademais dispón dun caso na plataforma. Unha opción perfecta para empezar a utilizar Ta-tum cos máis pequenos do cole!

Nesta ocasión, o entrañable rinoceronte e os seus amigos teñen que encontrar as bagas douradas para o pastel da Festa de Primavera. Desapareceron misteriosamente! Ademais, o noso amigo Don Yata perdeuse polo camiño. Todos terán que botar man do seu enxeño para resolver os problemas que se lles presentan e, de paso, coidar o seu bosque, que está cheo de lixo. 

 

Nunca está de más que Fantastic Man venga a visitarte

Texto: Daniel Merino
Ilustración: Álvaro Fraile
Colección: Ala Delta – Serie Laranxa
Idade recomendada: + 4 anos

Os superheroes están máis preto do que imaxinamos! Este libro, tamén para os primeiros lectores, preséntanos a Clara, unha nena inqueda e xogadora que admira ao seu superheroe favorito: Fantastic Man. Confía nel para que a saque das leas nas que se mete, que adoitan ser moi habituais. Pero o seu superheroe sempre chega tarde… Menos mal que mamá, papá, Marcos, Celia ou a avoa sempre están aí para sacala de calquera apuro. 

A historia está coidadosamente creada para favorecer as primeiras lecturas dos prelectores e a súa autonomía. Está escrita en letra maiúscula e narrada de forma sinxela e en primeira persoa para que os pequenos se recoñezan no día a día da protagonista. Conta, con moito humor, a confianza que deposita Clara nun superheroe de ficción que nunca aparece, cando os auténticos superheroes están sempre ao seu lado.

 

Fantabuloso

Texto: Mercè Canals Ferrer
Ilustración: Daniel Jiménez
Colección: Ala Delta – Serie Laranxa
Idade recomendada: + 4 anos

O último título para primeiros lectores proponlles descubrir todo o bo que ten facerse maior! Esmeralda é unha nena á que lle soe parecer todo fantabuloso. Non obstante, hoxe nada parece ir ben. Nin sequera as cousas que máis lle gustan! Terá algo que ver que, de repente, caeu na conta de que se está facendo maior? A idea non lle gusta nada, nada, nada.

Este libro aborda, desde unha mirada positiva, todas as vantaxes que ten medrar e axuda a nenas e nenos a vencer o medo a facerse maiores. Medrar permítenos facer cousas novas. E tamén é fantabuloso! Está escrito en letra maiúscula e inclúe un caso para traballar co alumnado. 

Estes tres títulos da Serie Laranxa de Ala Delta teñen un aspecto fixo —sen poder modificar a tipografía nin o tamaño da letra— para que os pequenos desfruten dunha aparencia o máis fiel posible ao libro impreso.

recurso_separadorestrella_tatum

La niña raíz

Texto: Ariel Andrés Almada
Ilustración: Patri de Pedro
Colección: Ala Delta – Serie Vermella
Idade recomendada: + 6 anos

Unha colorida historia para reflexionar e concienciar sobre o coidado da natureza. A nena raíz e os seus amigos encárganse de coidar o bosque. Un día deixa de chover e as árbores comezan a secarse. Cal será o motivo? Descobren unha enorme tea de araña que lles impide ás nubes moverse con liberdade… A pesar do rogo da nena raíz, as arañas non queren quitar a tea. A súa teimosía está a punto de poñer en risco o ciclo natural…

Esta metáfora sobre a importancia de coidar a natureza e o contorno axuda a reflexionar sobre como poden influír as nosas accións no hábitat, xa sexa de maneira particular ou como sociedade. 

 

Cien adivinanzas para jugar

Texto: Nones Araújo
Ilustración: Laura Suárez
Colección: Ala Delta – Serie Vermella
Idade recomendada: + 6 anos

Un libro para poñer a proba a perspicacia dos nenos e nenas mentres amplían o seu vocabulario. A autora Nones Araújo recompila un centenar de adiviñas clasificadas en grupos temáticos como froitas, animais, natureza ou contos tradicionais. Son sinxelas, moi divertidas e rimadas. Perfectas para desfrutar na aula ou para xogar en familia!

recurso_separadorestrella_tatum

El bandido y las gemelas Mataquín

Texto: Oriol Canosa
Ilustración: Cuchu
Colección: Ala Delta – Serie Azul
Idade recomendada: + 8 anos

Esta novela está chea de billetes de barco, atestados policiais, informes meteorolóxicos, diarios, partituras, recortes de periódico e ata receitas de cociña! Un total de 76 documentos para contar a divertida historia de aventuras dun bandido que rapta a unha das xemelgas Mataquín.

Foi unha obra finalista do Premio Ala Delta. O texto realiza unha sutil crítica social, ten diferentes capas de comprensión e é perfecto para realizar actividades lectoras e lúdicas.

 

El corazón de Lucía

Texto: José Antonio Martínez Egea
Ilustración: Fernando Llorente
Colección: Ala Delta – Serie Azul
Idade recomendada: + 8 anos

Lucía, hoxe adulta e pediatra, recorda como de nena, tras gañar a súa última carreira de atletismo, descobre que ten un grave problema no corazón e tense que enfrontar a el. Os seus recordos mesturan ficción e realidade: entrelazan a súa longa estancia no hospital e unha delicada decisión laboral do seu pai, cos seus soños e as historias de piratas que lle lía súa nai. 

Unha historia para falarlle á infancia, con realismo e sen dramatismos, sobre a importancia de salvar vidas e de afrontar o tratamento dunha grave doenza do corazón. É perfecto tamén para abordar un tema sensible como a doazón de órganos. 

 

El hilo de Clara

Texto: Mónica Rodríguez
Ilustración: Eugenia Ábalos
Colección: Ala Delta – Serie Verde
Idade recomendada: + 10 anos

Descubre a admirable historia de Clara Campoamor no 50 aniversario do seu pasamento. Unha biografía novelada que amosa as etapas máis descoñecidas (a infancia e adolescencia) dunha das políticas máis sobresaíntes do noso país. Ademais, a través do seu personaxe, os lectores novos coñecerán a historia de España e a realidade á que se enfrontaron as mulleres españolas a finais do século XIX e principios do XX.

recurso_separadorestrella_tatum

Música entre las ramas 

Texto: Ricardo Gómez
Ilustración: Christa Soriano
Colección: Ala Delta – Serie Verde
Idade recomendada: + 10 anos

Esta apaixonante novela sobre a defensa dunha tribo indíxena ante a chegada dos madeireiros á selva recibiu o XXXII Premio Ala Delta. A historia promove o interese pola ecoloxía e o coidado do medio ambiente entre os nenos e nenas e alerta sobre os perigos que corren as comunidades indíxenas que viven illadas e a mercé dos intereses económicos. É perfecta para propiciar un interesante debate sobre os diferentes modos de vida e os valores que se pasan por alto en Occidente.

recurso_separadorestrella_tatum

El reino helado

Texto: Itziar Pascual
Colección: Alandar
Idade recomendada: + 12 anos

Novela que invita aos e ás adolescentes a poñerse na pel dun neno refuxiado que soña con chegar a Suecia. Ademais, presenta a síndrome de resignación: unha desorde psicolóxica real que sofren gran parte dos menores refuxiados e que lles pode chegar a causar a morte. Esta novela, finalista do XXI Premio de Literatura Xuvenil Alandar 2021, realiza un retrato eficaz e demoledor da situación das persoas refuxiadas que cruzan as fronteiras europeas fuxindo da guerra e da miseria. Unha invitación perfecta para abordar o tema cos estudantes. 

 

El señor de las sombras

Texto: Daniel Bautista
Colección: Alandar
Idade recomendada: + 14 aos

Este libro presenta unha inquietante investigación sobre un tema realista e de actualidade: a trata de mulleres africanas. O seu autor Daniel Bautista traballa como docente e empezou a escribir novelas para poder abordar co seu alumnado temas de actualidade como o bullying. A obra conta con tres elementos que fan que sigan a trama con crecente interese: acción, misterio e investigación!

 

De la boca de un león 

Texto: Inés Garland
Colección: Alandar
Idade recomendada: + 14 aos

Esta novela, gañadora do XXI Premio de Literatura Xuvenil Alandar 2021, reúne nunha soa obra todos os temas piares na adolescencia: o crecemento, a madurez, a busca da identidade… e o primeiro amor. 

Está ambientada na Arxentina e é a crónica de Tadeo, un mozo que vive unha violencia familiar soterrada nos pequenos conflitos domésticos do día a día. Grazas á súa amizade con Vera, o mozo descubrirá que non todas as familias funcionan coma a súa. Este feito axúdao a percorrer o camiño inverso ao medo, a atoparse a si mesmo e a descubrir as claves para facerlle fronte a esa violencia.

 

The Bloodline of the Orcans

Texto: Daniel Hernández Chambers
ilustración: Antonio Lorente
Idade recomendada: + 14 anos

E, por último, un título en inglés que inclúe tamén un caso! Trátase do terceiro libro da triloxía Ojos de Medianoche.  Xa estaban dispoñibles os dous primeiros títulos en inglés e agora chega o desenlace. Nesta terceira novela de fantasía épica (nivel B1), escrita por Daniel Hernández Chambers e ilustrada por Antonio Lorente, Crey recibe unha nova inesperada: chegou o momento de volver á casa. Pero o seu regreso é amargo, xa que coincide coa voda de Selima, a filla do Señor do Val. Ademais, descobre que está no centro dunha conspiración e a súa vida corre perigo. 

recurso_separadorestrella_tatum

Esperamos que estas 13 novidades vos resulten moi útiles e lembrámosvos que tendes moitos títulos máis na Biblioteca Ta-tum. Bo comezo de curso, profes!