Novos títulos en galego, descúbreos!

14-11-2022

Estamos de estrea! Chegan a Ta-tum novas lecturas na nosa lingua! Descubre os catro títulos que incorporamos para alumnos de educación infantil e os tres ciclos de primaria! Unha selección que inclúe a primeira aparición en galego do personaxe de Don Xata, un cento de adiviñas para ler e xogar a descifrar na aula, unha novela de aventuras nun campamento de verán e unha fantasía na que os animais da lagoa de Antela se revolven contra as obras de desecado.

Catro estupendas obras para gozar da lectura tanto na aula coma na casa!

 

Don Xata e o misterio das bagas douradas

Texto: David Fernández Sifres
Ilustración: Claudia Ranucci
Colección: Ala Delta – Serie Laranxa
Idade recomendada: + 4 anos

Como novidade, a Biblioteca Ta-tum inclúe este curso libros da Serie Laranxa de Ala Delta, recomendados para primeiros lectores. E que mellor que facelo coa primeira aventura deste simpático rinoceronte dirixida a quen empeza a ler. Este libro está editado en letra ligada para facilitar a lectura e ademais dispón dun caso na plataforma. Unha opción perfecta para empezar a utilizar Ta-tum cos máis pequenos do cole!

Nesta ocasión, o entrañable rinoceronte e os seus amigos teñen que encontrar as bagas douradas para o pastel da Festa de Primavera. Desapareceron misteriosamente! Ademais, o noso amigo Don Yata perdeuse polo camiño. Todos terán que botar man do seu enxeño para resolver os problemas que se lles presentan e, de paso, coidar o seu bosque, que está cheo de lixo. 

recurso_separadorestrella_tatum

Cen adiviñas para enredar

Texto: Nones Araújo
Ilustración: Laura Suárez
Colección: Ala Delta – Serie Vermella
Idade recomendada: + 6 anos

Un libro para poñer a proba a perspicacia dos nenos e nenas mentres amplían o seu vocabulario. A autora Nones Araújo recompila un centenar de adiviñas clasificadas en grupos temáticos como froitas, animais, natureza ou contos tradicionais. Son sinxelas, moi divertidas e rimadas. Perfectas para desfrutar na aula ou para xogar en familia!

recurso_separadorestrella_tatum

Un verán en Flamia

Texto: Marcos Calveiro
Ilustración: Xiana Teimoy
Colección: Ala Delta – Serie Azul
Idade recomendada: + 8 anos

Uxío é un rapaz espelido aínda que algo problemático. Mentres a súa familia marcha de vacacións, a el apuntárono a un campamento nunha illa con rapaces que non coñece. E por riba non poden usar o móbil e teñen que alimentarse co que colleitan. 

No entanto, ese clima de malestar irá tornando en fascinación cando investiga sobre un misterioso edificio en ruínas, unhas estrañas sombras no mar e un pasado polo que algúns dos seus poboadores aínda teñen resentimentos.

Tres semanas de campamento nunha illa do sur de Galicia, un faro abandonado, un baleato en perigo, unha amizade que endexamais se ha de crebar… A que neno non lle prestaría vivir un verán tan inesquecible como o que une a Uxío e a Carme?

recurso_separadorestrella_tatum

A revolta da lagoa

Texto: Rafael Laso Lorenzo
Ilustración: Ximena Maier
Colección: Ala Delta – Serie Verde
Idade recomendada: + 10 anos

Un día, da noite para a mañá, os animais da lagoa descobren unha sospeitosa caravana de automóbiles. Pronto saberán que son obreiros que veñen desecar o seu País da Auga, polo que deciden organizarse para defender o seu territorio. Radicais, pacíficos, dialogantes ou escépticos, todos xuntarán esforzos para enfrontarse a un opoñente que leva todas as de ganar.

Unha emocionante fábula inspirada nunha triste realidade: o desecamento, ordenado polas autoridades en 1958, da lagoa de Antela, nas terras ourensás da Limia, un dos grandes paraísos que houbo nesta terra nosa. Unha intrigante novela que nos lembra o deber que temos de coidar dos nosos espazos naturais e mantelos para que as vindeiras xeracións poidan gozar deles.

recurso_separadorestrella_tatum

Sabemos que a literatura nos permite vivir vidas que non son as nosas. Sexa a través de lecturas representadas na aula ou de lecturas individuais, oxalá que poidades tirar moito proveito co voso alumnado destes novos libros! Feliz lectura!