
Novo curso, novas lecturas!
Empeza setembro e, con el, desprégase a forza do novo curso. O entusiasmo dos encontros ocupa os corredores, as ideas percorren a aula. En Ta-tum, participamos da benvida con seis estupendas novidades editoriais para todas as idades. Están esperando por ti na biblioteca. Prepara a lupa!
Bruno no quiere ir al colegio
Texto: Pau Roigé Gargallo
Ilustración: Anna Baquero
Colección: Ala Delta – Serie Vermella
Idade recomendada: + 5 anos
Jana, a mellor amiga de Bruno, está enferma e non pode ir á clase. Entón, con quen xogará? Con tenrura e unha miga de humor, esta historia aborda o desafío que pode supoñer para moitos nenos e nenas asistir ao colexio pola súa propia timidez ou falta de recursos para integrarse cos demais. Pero tamén conta como sempre alguén é capaz de lanzarnos a pata, a cola ou un bigote para axudarnos.








Cómo ríen las sirenas
Texto: David Fernández Sifres
Ilustración: David Sierra
Colección: Ala Delta – Serie Azul
Idade recomendada: + 8 anos
Un faro misterioso, o coitelo afiado dun peixeiro e unha rapaza pálida que pasa horas contemplando o mar son o porto desta historia onde navega un tema tan delicado coma o dó. David F. Sifres ofrécenos unha trama de misterio protagonizada por dous irmáns, con doses de dozura apta para espertar un sorriso nos momentos esperados. Unha lectura para botar a áncora, do autor de Un intruso en mi cuaderno e a colección Escuela de detectives Avante.








El día que me comió un león
Texto: Sara Fernández
Ilustración: Gemma Palacio
Colección: Ala Delta – Serie Azul
Idade recomendada: + 8 anos
Na véspera do 6 de xaneiro, o avó de Ana e Mateo cóntalles como, decidido a saber a verdade sobre os Reis Magos, cando era mozo emprendeu unha viaxe para entregar a súa carta en man. Con humor e imaxinación, o libro relata de maneira entrañable a perda de inocencia desde a infancia cara á adolescencia, así como o valor da fantasía máis alá de calquera idade. Ao final, inclúe un apéndice coa biografía de personaxes célebres (Albert Einstein, William Shakespeare, Virginia Woolf, Philip Marlowe, Frida Kahlo) cuxas frases figuran en todo o relato.








Martín, rey de los monos
Texto: Pedro Mañas
Ilustración: Beatriz Castro
Colección: Ala Delta – Serie Verde
Idade recomendada: + 10 anos
Poden os abusóns recibir unha lección e aprender da experiencia? Claro que si! E se non que lle pregunten a Martín, un rapaz rebelde e malote que, por accidente, cae ao foso dos babuínos nunha visita ao zoo. Durante 15 días deberá convivir con esta comunidade, cuxas normas de convivencia son máis que cuestionables. Unha historia hilarante sobre o autoritarismo e as inxustizas, pero tamén sobre a xenerosidade, a solidariedade e a capacidade dos seres humanos de cambiar. Preparádevos para ler unha auténtica monada!








Huellas de carbón
Texto: Daniel Hernández Chambers
Colección: Alandar
Idade recomendada: + 12 anos
Nada como coñecer o pasado para dar sentido ao presente. Este parece ser o lema que garda esta novela entre as súas páxinas e que descobre Masha, unha moza rusa, cando o seu avó pon nas súas mans un antigo segredo: o diario dun adolescente alemán que viviu durante a Segunda Guerra Mundial. Masha intentará cerrar a ferida do seu avó mentres coñece a fondo o que significa respirar nun contexto bélico a través da voz do mozo. Historia, emoción e debate únense nesta novela moi ben documentada e atractiva polos seus diferentes matices, temas e intertextualidades.








Niñato entrometido
Texto: Alfredo Gómez Cerdá
Colección: Alandar
Idade recomendada: + 12 anos
Paul xamais pensou que o inicio das vacacións estaría envolto de misterio. Pero o enigma presentóuselle diante, e atraeuno con tanta forza que non puido máis que intentar resolvelo. O comezo: unha viaxe en caravana para que o seu pai desenvolva o seu proxecto fotográfico, a documentación dos monumentos funerarios nas beiravías das estradas. A sorpresa: a morte dun mozo da súa idade. A casualidade: coñecer a familia da vítima. A historia: a máis profunda e complexa que esconde o accidente. Outra maxistral novela dun dos autores con máis recoñecementos no panorama literario xuvenil.
En síntese: seis novos libros para gozar desde a primeira ata a última letra, con temas que exploran o universo afectivo da infancia e a adolescencia, envoltos en relatos trepidantes, sensibles e emotivos, que darán moito de si para o diálogo, a reflexión e, sobre todo… para pasalo xenial!
Feliz comezo de curso, profe! A nosa biblioteca e as súas posibilidades acompáñante.