Novidades Tambre 2024

14-05-2024

O pequeño Sherlock Tóupez na gruta dos morcegos

ST

Texto: Rocío Antón e Lola Núñez
Ilustración: Lucía Serrano
Colección: Ala Delta, serie Laranxa
Idade: +4 anos

O célebre Sherlock Tóupez tamén tivo unha infancia, e é nesta nova serie onde poderemos descubrir as aventuras dun Tóupez cativo. Xunta os seus amigos, será quen de desentrañar calquera misterio.
Desta vez, o seu amigo o coello Rufino internouse nunha gruta escura e perigosa. E alí acoden sen saber que van atopar alí dentro. A súa sorpresa é enorme cando descobren un morcego que, lonxe de lles querer chuchar o sangre, os vai axudar a atopar o seu amigo.

Unha boa amiga

Unha boa amiga.

Texto e ilustración: Laura Suárez
Colección: Ala Delta, serie Vermella
Idade: +6 anos

Era unha vez unha nena que un día coñeceu unha raposa. Ou era unha vez unha raposa que un día coñeceu unha nena. Si, se cadra eran moi distintas. E, aínda así, decidiron achegarse unha á outra. Pasaron semanas e meses enteiros xuntas. Debuxaron, leron e xogaron. Mais un día certas cousas entre elas empezaron a mudar.

Xulia Belavista, detective animalista

XULIA

Texto: Diego Amexeiras
Ilustración: Jorge Campos
Colección: Ala Delta, serie Azul
Idade: + 8 anos

Espertaches pola mañá e o teu gato non está durmindo no seu recuncho preferido ou afiando as unllas no sofá? A túa tartaruga marchou de excursión sen deixarche unha nota na neveira? Botas en falta as sesións de natación sincronizada do teu peixe? Non te preocupes. Os teus problemas teñen solución. Chama a Xulia Belavista, detective animalista! Dez contos cheos de intriga sobre a desaparición de outros tantos animais domésticos.

Benita e Malva o crime do crítico gastronómico

bemnita

Texto: Érica Esmoris
Ilustración: Ignacio Hernández
Colección: Ala Delta, serie Verde
Idade: +10 anos

Benita e Malva son dúas xemelgas idénticas en aspecto, pero moi distintas en carácter. Repentinamente reciben a visita dunha axudante de policía que lles comunica que os seus pais as abandonaron e que debe acompañalas ata as deixar cun tío seu, Eustache Chaillot (que ignoraban que existía), en París.
Ao chegaren ao restaurante onde este traballa, ven que está pechado; detiveron o seu suposto tío polo asasinato dun recoñecido crítico gastronómico. Así comeza unha trepidante aventura na que as nenas terán que axudar o mozo Guillou, axudante de cociña, e a Gioconda, a súa rata laretas, a descubrir unha trama na que o crítico simulou o seu asasinato para axudar a unha famosa vedette (filla dos donos do restaurante da competencia) a afundir o concorrido e celebrado restaurante de Chaillot.
Logo de sacar da cadea a Chaillot, este tampouco lles pode dicir nada sobre o paradoiro dos pais, de maneira que as xemelgas terán que seguir na súa procura.

O burato de Walpurgis

O burato de Walpurgis

Texto: Ronaldo Menéndez
Colección: Catavento
Idade: +12 anos

Sebas, o narrador desta historia, vai pasar o verán co seu curmán Álvaro á casa dos avós. Alí, como cada verán, espera por eles a cuadrilla dos Furtivos ao completo.
Nunha das súas saídas, os mozos deciden montar o seu centro de operacións no sanatorio de Walpurgis, un edificio abandonado sobre o que se contan historias terroríficas de fantasmas e asasinatos. Para desvelar o misterio, deciden facer gardas.
Álvaro, líder indiscutible do grupo, fai a primeira quenda con Elena, a moza da que el e Sebas están namorados. Esa noite, Álvaro descobre que asomándose ao burato pode albiscar o seu futuro. Os efectos do achado non se fan esperar: as rifas por ter o control do burato, as loitas de poder, os celos e os rancores ameazan a unidade da cuadrilla.

O faro da muller ausente

O faro da muller ausente

Texto: David Fernández Sifres
Colección: Catavento
Idade: +14

Hugo participa nun concurso patrocinado pola Unión Europea e gaña unha viaxe a Normandía para estudar francés. O primeiro que presencia alí é un asasinato a carón dun faro. Coa axuda de catro compañeiros de diferentes nacionalidades tentará descifrar o acontecido. Para resolver o misterio terán que descubrir o que se agocha nas palabras dun mariñeiro atolado, un fareiro que vive como ermitán e un vello mudo que dirixe un orfanato. Nas súas pescudas queda ao descuberto o sufrimento que viviu a zona durante a Segunda Guerra Mundial. Hugo e os seus amigos descobren que o asasinato é unha imaxe do pasado vinculada coa guerra, pero tamén co amor. Finalmente conseguen saldar unha débeda histórica e levan conforto a algunhas persoas que sufriron en carne propia os rigores da guerra.