
Listaxe dos libros preferidos polos lectores en 2022
A PARTIR DOS 6 ANOS
A ovella á que o lobo lle comeu a sombra
Texto: Carlos López
Ilustración: Lluís Farré
Colección: Ala Delta – Serie Vermella
A sombra do elefante é moi voluminosa, a do pavón abondo delicada, a da tartaruga atrásase, a do camaleón cambia de cor, e como esvara a do golfiño! Todos os animais queren axudar a ovella á que o lobo lle comeu a sombra a atopar outra que poida substituír a súa. Aínda que a tarefa é laboriosa, por sorte sempre hai un traxe á medida de cada un.
No corazón da balea
Texto: Antonio Manuel Fraga
Ilustración: Xan López Domínguez
Colección: Ala Delta – Serie Vermella
Aicí e mais Reibax son dous irmáns que viven na illa Pepereta. Unha mañá, cando se dirixen á escola, os nenos desvían o seu camiño e entran na carpa dun vello circo. Alí atopan algo abraiante: un enorme submarino con forma de balea! Como chegaría ata ese lugar? Os irmáns deberán resolver varios enigmas para descubrir o misterio que agocha este curioso invento.
Soños de andel
Texto: Susana Lamela
Ilustración: María Lires
Colección: Ala Delta – Serie Vermella
Ani é un libro de contos tradicionais dos cinco continentes que vive na biblioteca de Lemoito. Mide 70 centímetros e ten 325 páxinas, cousa normal nun libro que recolle contos de tantos lugares. No entanto, Ani está tristeiro porque, por causa do que pesa, ningún neno decide collelo emprestado e levalo para ler na casa. Todos os libros que residen con el na biblioteca teñen a sorte de visitar outros lugares e vivir aventuras. E el devece por correr algún día a mesma sorte e que deixen de burlarse da súa gordura.
A PARTIR DOS 8 ANOS
Era unha vez na quimbamba
Texto: Antón Cortizas
Ilustración: Miguel Ordóñez
Colección: Ala Delta – Serie Azul
Un simple paso abonda para mudar por completo unha situación. Nun peirao dás un paso e caes ao mar; neste libro de poemas, pasas a primeira folla e atravesas a outro mundo. Nel hai xentiña que deu tamén ese paso: un home que nada na pota do caldo, un que pesca na bañeira, un que cría perdices para que os namorados se amen e sexan felices. A cantos pasos está o real do irreal?
Casas
Texto: Paula Carballeira
Ilustración: Minia Regos
Colección: Ala Delta – Serie Azul
Hai tantas casas coma xente que vive nelas. Casas con tellado, casas de tea, casas de papel, casas de palla, casas acolledoras e casas enfadadas. Cómpre levarse ben con elas, para que te protexan e te coiden. Moitas quedan quietas nun sitio e suspiran por coñecer mundo, ou por que lles falen de lugares que nunca van coñecer. Pero hai outras que viaxan e prefiren, como as persoas, ver deseguido paisaxes distintas.
Unha vida de ra
Texto: Rafael Laso Lorenzo
Ilustración: Rodrigo Chao
Colección: Ala Delta – Serie Azul
Que alguén fale é cousa común. Que o faga unha ra, é cousa rara. A protagonista deste relato fala polos cóbados (ou mellor sería dicir que fala polas ancas). Fala redondo, coma un libro aberto, fala por boca doutros e ás veces fala de máis, pero nunca fala ás toas. Igual que a nós, gústalle parolar sobre o seu mundo que, por certo, ten moitas similitudes co dos humanos.
A PARTIR DOS 10 ANOS
Miña avoa ten 13 anos
Texto: Pepe Carballude
Ilustración: David Pintor
Colección: Ala Delta – Serie Verde
A avoa de Bea marcha vivir a unha residencia. A nena decide visitala diariamente e regalarlle os oídos cos relatos que escribe. No asilo fai amizade con outros anciáns e comproba que, ás veces, as evidencias enganan. Un libro que rende homenaxe a todos os avós que gastaron o tempo contándonos historias que antes outros lles contaron a eles. Así, de elo en elo, foise facendo o mundo.
Pablo e as pombas
Texto: Marcos Calveiro
Ilustración: María Pascual de la Torre
Colección: Ala Delta – Serie Verde
En outubro de 1891, con 10 anos acabados de facer, Picasso chega coa súa familia á Coruña, onde acaban de concederlle ao pai praza de profesor na Escola de Belas Artes. O rapaz axiña se adaptará á cidade e dará mostras do seu carácter curioso e inquedo. Ademais, na Coruña xermolará a súa paixón pola pintura, fará a primeira exposición da súa obra e vivirá o primeiro amor.
Pablo e as pombas foi incluída entre os 200 títulos da lista de honra OEPLI 2018, selección que destaca as obras máis significativas do ano pola súa calidade e idoneidade.
A complicada vida de Bieito Viqueira
Texto: Antonio Yáñez Casal
Ilustración: Fernando Llorente
Colección: Ala Delta – Serie Verde
Esta é unha historia de amor. E xa se sabe que, ás veces, o amor nos fai cometer imprudencias. Sobre todo, se te chamas Bieito Viqueira e tes unha familia peculiar, uns amigos con afeccións extravagantes e un pensamento que non dás sacado da cabeza. Velaí os ingredientes idóneos para que calquera plan se converta nunha monumental desfeita.
A PARTIR DOS 12 ANOS
Ari e o Minotauro
Texto: Ramón Caride Ogando
Colección: Catavento +12
A vida de Ari semella coma a de calquera rapaza da súa idade, atafegada entre o colexio, as amigas e a súa nai, que non entende que está comezando a facerse maior. Na praza que atravesa catro veces por día coñece un home que está alí acampado, un ancián sorprendente que sabe da vida, e tamén da propia Ari e da súa familia, moito máis do que aparenta. Descubrir o seu segredo será apaixonante e doloroso, como acontece sempre coa existencia, un labirinto aínda máis enguedellado ca o do Minotauro.
A PARTIR DOS 14 ANOS
Lena e o lobishome
Texto: Carlos Laredo Verdejo
Colección: Catavento +14
Unha noite de verán, ao volver da verbena, Lena vive unha experiencia asombrosa, entre o soño e a fantasía, preto das ruínas do vello mosteiro oculto na fraga. Fraga e ruínas que agochan tamén unha lenda chea de misterios que a moza e as súas curmás tratan de descubrir. Existen as bruxas? Existen os lobishomes? Ninguén cre nesas cousas, pero cando ocorre a primeira desgraza na chaira, o medo apodérase da xente das aldeas veciñas.
O elefante branco
Texto: Xesús Fraga
Colección: Catavento +14
O que ía ser un verán sen sobresaltos, verase transformado nunha aventura grazas a uns avós pacientes, un curmán mentireiro e un vello mago que agocha antigos segredos. Na súa compaña, o mozo protagonista desta novela irá descubríndoos ata mesmo remontarse a un decisivo episodio da II Guerra Mundial. Unha novela na que habitan ilusionistas capaces de deter balas cos dentes, belas damas que traballan para o servizo de espionaxe, trens nocturnos e automóbiles de luxo.
Premio Frei Martín Sarmiento, 2014.