Lectura inclusiva! Integramos o Lector Inmersivo de Microsoft en Ta-tum

29-05-2023

En Ta-tum comprometémonos a ofrecerche ferramentas innovadoras que faciliten a ensinanza e a aprendizaxe. Por iso, poñemos á túa disposición o Lector Inmersivo de Microsoft nos nosos libros dixitais. A incorporación desta ferramenta é un grande avance na nosa misión de ofrecer unha experiencia de lectura inclusiva e adaptada á diversidade do teu alumnado, independentemente da súa idade ou do seu nivel lector. 

Esta poderosa ferramenta mellora a velocidade de lectura e a comprensión lectora da totalidade dos teus estudantes, ao mesmo tempo que lles axuda aos novos lectores a adquirir confianza. Ademais, proporciónalles asistencia a aqueles estudantes con diferenzas de aprendizaxe como a dislexia mediante solucións de descodificación de textos.

Desde agora, ti e os teus estudantes podedes utilizar esta ferramenta ao ler calquera dos libros dixitais dispoñibles na plataforma, aínda que dependendo do idioma da lectura estarán dispoñibles unhas ou outras funcionalidades. É moi sinxelo! Só hai que abrir o libro, facer clic na pantalla para que se despreguen as opcións da interface de lectura e, por último, pulsar a icona situada na parte superior dereita. 

Entre as súas funcionalidades destaca a lectura en voz alta de palabras ou parágrafos completos en varios idiomas, dispoñible na icona «Play» na parte inferior da pantalla. Elixe a velocidade da narración e a túa preferencia de voz (feminina ou masculina). 

Se queres escoitar a pronuncia dunha palabra, só tes que seleccionala e facer clic na icona correspondente. Ao facer isto, en moitos termos, amosaranse pictogramas para ilustrar o concepto. Desta maneira, a lectura resulta máis accesible.

Desde o menú «Preferencias de texto» podes personalizar a aparencia dos textos: o tamaño, a tipografía, o espazo interlineal e a cor do fondo.

O Lector Inmersivo tamén incorpora «Opcións de gramática», que permiten separar as sílabas, así como destacar elementos da oración, como verbos, adxectivos ou substantivos, con diferentes cores, o que facilita a identificación e comprensión da estrutura oracional.

Por último, poderás utilizar as «Preferencias de lectura» para configurar un foco de liñas visibles que axudará a fixar a atención en unha, tres ou cinco liñas de texto. Ademais, poderás activar a tradución a varios idiomas, por palabra ou de todo o documento.

Desde Ta-tum desexamos garantir que todos os estudantes teñan a oportunidade de gozar da súa experiencia de lectura inclusiva e enriquecedora. Aproveita esta nova ferramenta e descubre como o Lector Inmersivo de Microsoft pode transformar a maneira na que o teu alumnado aborda a lectura e os idiomas en Ta-tum!