Historias de colección: entrevista con Itziar e Jorge Miranda

03-03-2022

Jorge e Itziar son irmáns, pero tamén cómplices de historias. Xuntos entretecen as peripecias de Miranda, a protagonista dos seus libros. Grazas á súa curiosidade, as páxinas ábrense para mergullarnos noutro relato: a biografía dunha muller capaz de cambiar a nosa mirada sobre o mundo. Nos libros de Miranda hai lugar para todo: música, ciencia, arte, deporte, cultura… Marie Curie, Billie Holiday, Hedy Lamarr, Jane Goodall, Frida Khalo… En todos os libros hai valentía e aventura. A través desta colección, Itziar e Jorge devólvenlles a estas mulleres célebres o lugar que lles corresponde na historia da humanidade. Agora a colección Miranda está na biblioteca de Ta-tum, a que esperas para gozar destas lecturas na aula? A continuación, os seus autores cóntannos un pouco máis sobre elas.

 

Como xurdiu a idea destes libros?

Please accept statistics, marketing cookies to watch this video.

 

Hai uns anos, o meu irmán Jorge e mais eu decidimos escribir unha colección de contos sobre as grandes mulleres esquecidas na historia, é dicir, todas. Tiñamos unha fascinante misión: devolverlles ás nenas (e aos nenos) as heroínas das que as estivemos privando.

 

Que ten de autobiográfico o universo de Miranda? 

Miranda é o noso álter ego. É a voz dos dous irmáns, moi diferentes, pero cunha infancia en común. Miranda ten a voz falcatrueira e o humor un pouco negro de Jorge e a parte máis soñadora e romántica de Itziar. Pero grazas á personaxe, permitímonos moitas veces cambiar os roles: Itziar vólvese máis travesa e Jorge saca a súa parte máis doce. Ademais, o resto dos personaxes da colección están inspirados tamén nos nosos amigos e familiares.

Xuntos forman a personalidade de Miranda, a protagonista.

 

Hai un feixe de historias que merecen ser contadas… Como elixides as biografías que irán en cada libro?

Hai unha longa lista de mulleres sobre as que nos gustaría escribir, así que decidir con cal seguir sempre é un dilema. Tentamos que as mulleres elixidas vivisen en países e épocas diferentes, para que a colección sexa máis rica en contido. Interésanos entender o contexto en que viviron, as barreiras que tiveron que derrubar para transcender na historia.

Bosquexos de Xoana de Castela, Jane Goodall e Frida Khalo, protagonistas dalgúns libros da colección Miranda.

 

Que biografía, das que tratastes ata o de agora, vos conmoveu máis profundamente? Tedes algunha personaxe preferida? Cal? Por que?

Itizar: A min hai dúas mulleres que me fascinan: Hildegarda e Hedy Lamarr. Da primeira non entendo que a día de hoxe non se estude nos colexios, que non sexa un referente. De Hedy apaixóname a súa vida, con quen casou, como tivo que fuxir, as súas películas e os seus inventos (e o que a levou a crealos). Quen pode vivir hoxe en día sen wifi ou sen GPS?

Jorge: A verdade é que eu aprendín tanto de todas as mulleres sobre as que escribimos que me custa unha barbaridade elixir. Se teño que quedar con dúas, serían Marie Curie e Jane Goodall. Coa primeira sempre penso: cantas grandes científicas perdería a humanidade se ela non existise? En canto a Jane Goodall, creo que nestes momentos é un faro. Para min é o maior referente medioambiental para as nenas e os nenos que queren facer deste un mundo mellor

 

Como vos gustaría que se utilizasen estes libros nas aulas?

Please accept statistics, marketing cookies to watch this video.

 

Encantaríanos que os docentes e os estudantes se emocionasen tanto coas biografías como nós o fixemos escribíndoas. Esperamos que esta colección sexa só a punta do iceberg para que os nenos e as nenas que as lean sintan curiosidade por investigar sobre máis mulleres que foron relevantes ao longo da historia e que, dunha maneira ou outra, foron silenciadas. 

recurso_separadorestrella_tatum

Jorge Miranda estudou Historia da Arte, Arte Dramática e artes marciais. Co seu cinto marrón de judo deféndese de deixar de ser un neno. Agora vende pedras, pero das preciosas. Encántanlle a horchata e a sobrasada. Escribir é o que fai realidade as súas ideas de bombeiro. É coautor, xunto con Itziar, da exitosa colección Miranda.

Itziar Miranda estudou Arte Dramática. Aínda que é moi coñecida pola serie Amar es para siempre, onde encarna a personaxe de Manolita, traballou en moitas películas e non hai quen a baixe dun escenario. Tamén é embaixadora do FIP Tocando o ceo, un festival internacional de música clásica que está moi comprometido co papel da muller na música. No seu tempo libre aprende a tocar o violonchelo e soña con facer a viravolta lateral. Canta así así, pero sorrí moito.

Desde pequenos, ambos se perdían nos libros e querían ser parte deles. Miranda é a voz soñadora e rebuldeira destes dous irmáns. Ademais de Miranda, Jorge e Itziar escribiron a colección Miranda y Tato, xunto a Nacho Rubio, na que contan historias de ficción socialmente comprometidas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e a Axenda 2030 da ONU, tamén publicada en Edelvives.