Coñece a Thilopía: autora do universo ilustrado de ‘Miranda’

03-03-2022

Lola Castejón é a artista que está detrás de Thilopía, o pseudónimo desde o que crea o universo estético de Miranda. Das súas mans nacen as personaxes, pero tamén o ambiente onírico que envolve cada unha das biografías. O amor pola natureza escapa entre as páxinas, onde paxaros e flores renden homenaxe á vida de grandes mulleres da historia.

Bosquexos de Xoana de Castela, Jane Goodall e Frida Khalo, protagonistas dalgúns libros da colección Miranda.

 

Lola, en que te inspiraches para dar vida ao universo de Miranda?

Sen dúbida, en Itiziar Miranda. Somos amigas desde hai moitísimos anos. Ela sempre tivo claro que acabaría escribindo unha colección de contos ou biografías e que eu a ilustraría… Empezou sendo un soño precioso co que fantasiabamos e que, grazas ao poder de convicción de Itzi, se fixo realidade.

Lola Castejón e Itziar Miranda

 

Hai algunha biografía que che resultase especialmente difícil de ilustrar?

O certo é que algunha a gocei máis ca outras. A miña preferida é Hildegarda, pero realmente ningunha foi difícil, son todas tan entretidas!

 

Cando tes a historia nas túas mans, por onde empezas?

O primeiro é poñerme de acordo con Jorge e Itzi en canto á ilustración para a cuberta, e elixir a cor que nos suxire a personaxe. Logo, esta cor utilizarase para o lombo e os detalles.

 

Que biografía, que aínda non se publicase, che gustaría debuxar?

Son moitas! Que difícil elixir! Algunhas serían Clara Schumann, Gloria Fuertes ou Ada Lovelace.

 

Hai algún segredo agochado nas ilustracións?

Si, en Billie, por exemplo, aparece un primo neoiorquino de Miranda que se chama Alan. Debuxeino pensando no meu fillo Alan, que naceu en Nova York. A partitura que aparece ao principio de todas as biografías é dunha das miñas pezas para piano preferidas, Träumerei. Entre as letras que adornan a cuberta de Emily aparece só unha letra en maiúsculas: o A, outra vez polo meu Alan preferido! En todas hai algo. 😉

Ilustración inspirada en Alan, fillo de Lola Castejón

 

Se non foses ilustradora, que che gustaría ser?

Florista, naturalista, pianista…

 

O máis importante do interior de Miranda é… 

A mensaxe.

 

Grazas, Lola!

 

recurso_separadorestrella_tatum

Lola Castejón Fernández de Gamboa, Thilopía, estudou Belas Artes en Madrid e completou a súa formación como deseñadora e ilustradora en Nova York.

Durante a súa estancia nesa cidade tivo a oportunidade de colaborar pintando e creando escenografías para grandes da fotografía como Annie Leibovitz, Richard Avedon ou Steven Meisel, para publicacións como Vogue e Vanity Fair, ou en desfiles da semana da moda.

Actualmente reside en Madrid e compaxina o deseño de complementos para diferentes marcas e para a súa propia liña de complementos coa ilustración editorial e para publicacións de moda e eventos.