Engade o teu primeiro caso: comeza a investigación!

08-10-2021

Que é un «caso»? Empecemos polo principio: Ta-tum invita a aqueles docentes que queiran gamificar a mergullarse nunha narrativa moi motivadora: a de pertencer a unha escola de investigacións literarias. Para iso, os profes transfórmanse en xefes da investigación e os estudantes en detectives literarios. Entón, a lectura dun libro e as actividades relacionadas con el convértense nun caso a resolver.

Noutras palabras, os casos son as propostas didácticas que che ofrece esta plataforma gamificada para traballar as lecturas. Están compostos por unha introdución que axuda a contextualizar a lectura e unha serie de actividades para antes, durante e despois de ler. 

Neste artigo mostrámosche como elixir un caso para os teus estudantes e como engadilo á túa clase. Unha vez feito isto, poderás editalo para adaptalo ás necesidades do teu alumnado.

 

O primeiro que debes facer é elixir o caso que che interesa traballar; para iso, só tes que entrar na «Biblioteca de casos» e iniciar a investigación. Podes filtrar por idioma, idade recomendada, xénero literario, temas ou valores e encontrar a lectura idónea para o teu grupo de detectives. Sempre, antes de elixir, invitámoste a ler a sinopse, botarlle unha ollada ao caso e, incluso, por que non, ao libro completo.

Facendo clic en «Ver caso» podes miralo, pero antes, vexamos que partes ten! Cada proposta consta de dúas: «Búscase» e «As pescudas». A primeira pestana contén a descrición do caso, que comprende un texto, un vídeo, as instrucións para resolvelo e as medallas que o teu alumnado poderá obter. Ao engadir un ás túas clases poderás editar libremente toda esta información, así que non te preocupes se cres que o texto non termina de adaptarse ás necesidades dos teus detectives, prefires un vídeo diferente ou queres incluír algunha medalla máis porque o temos todo pensado para que poidas atender á diversidade.

 

Ta-tum se busca - pesquisas

En segundo lugar, as pescudas son todas as actividades que che suxerimos para traballar o libro; encontrarás de tres tipos: mensaxes, tarefas e test. 

As tarefas son actividades variadas de resposta aberta que, como docente, terás que avaliar, e os test son actividades interactivas e autoavaliables. Podes establecer unha data de entrega para que os teus estudantes resolvan as tarefas e os test. Ta-tum suxíreche varias pescudas para cada un dos casos. Ademais, volvendo falar de atender á diversidade, cando engadas o caso á túa clase poderás editar libremente estas actividades, así como crear outras novas. Ah! Non podemos esquecer as mensaxes, con estas pequenas notas podes comunicar novidades, avisos ou calquera información de interese para a túa clase.

 

Xa sabes que caso escoller? Preme en «Engadir á miña clase», selecciona da lista a que clase o queres engadir e, por último, elixe se prefires facelo de forma automática ou configurable. Cada unha das opcións ten as súas vantaxes: se escolles a automática, publícanse inmediatamente todas as pescudas autoavaliables no muro do caso e o teu alumnado pode comezar a resolvelas desde ese momento. A opción configurable permitirache seleccionar máis adiante que pescudas queres publicar, ademais de editalas e programalas. Se tes dúbidas, non te preocupes, preparamos uns vídeos titoriais onde podes ver como engadir un caso á túa clase en modo automático ou configurable e como publicar e programar pescudas en cada un deles, así poderás decidir cal é a mellor opción de xestión para ti.

Fantástico, verdade? Pois aínda hai máis: sabes que, unha vez engadido o caso, podes imprimir a sección «Búscase» para traballar esta noticia na clase? As opcións para gamificar son infinitas. Podes ver como facelo neste artigo: Xa se pode imprimir a sección «Búscase».

A maioría dos libros dispoñibles en Ta-tum (na pantalla «Libros») contan cun caso (na pantalla «Biblioteca de casos»). Como podes saber se un libro dispón ou non dun caso en Ta-tum? Moi sinxelo! Na pantalla «Libros», activa a opción «Con actividades» no filtro «Recursos».

Se desexas que creemos un caso para algún dos libros que aínda non o ten, utiliza o botón «Votar» para comunicarnos o teu interese nesta lectura.

Xa o tes. Caso aberto! Empezade a investigación!