Christa Soriano ilustra os sons da selva en ‘Música entre las ramas’

08-11-2022

A ilustradora Christa Soriano explícanos como traballou para que nas páxinas de Música entre las ramas se escoiten os sons da selva, se sinta o seu amor pola natureza e se respire a sensación de comunidade das tribos, que poñen en valor a sabedoría dos maiores. O libro xa está dispoñible na Biblioteca Ta-tum. 

 

Música entre las ramas é unha apaixonante novela sobre a defensa dunha tribo indíxena de África ante a chegada dos madeireiros á selva. En que te inspiraches para ilustralo? 

O seu escritor, Ricardo Gómez, comentou que a tribo está baseada nunha tribo real de África, da zona de República do Congo, República Centroafricana, Camerún e Gabón, entre outras, así que busquei toda a información que puiden sobre ela. Xamais estiven nunha selva africana pero si coñecín a selva do Amazonas colombiano e varias selvas do sueste asiático. E visitar algún día a selva africana sería un soño para min!

 

Defíneste como unha ilustradora especializada en temática naturalista e sorprenden moito as impactantes ilustracións do libro. Imaxinamos que es unha grande apaixonada da natureza. De onde procede?

A natureza sempre estivo moi presente na miña vida porque eu nacín nunha aldea dos Perineos cataláns, na comarca de Cerdanya, que é un val no que as poboacións son moi pequenas e están rodeadas de bosques. Ao ser un val, o que máis recordo del de cando era pequena era que, mirases onde mirases, había montañas. E sempre tiven paixón polos animais! 

 

Como foi a coordinación e o traballo co escritor, Ricardo Gómez?

A coordinación foi sobre todo a través do editor, pero as veces que falei con el resultoume unha persoa encantadora e moi sensible. Nótaselle o agarimo especial que lle ten á historia e aos personaxes. É algo que me encanta!

 

Esta novela, gañadora do Premio Ala Delta 2022, promove o interese pola ecoloxía e o coidado do medio ambiente entre nenos e nenas. É un tema que che preocupa?

Si, e creo que é un tema que nos debería preocupar a todos. Entre a eco-ansiedade e a eco-indiferenza deberiamos encontrar un punto no que todos poidamos colaborar co planeta tanto como poidamos, xa que é a nosa casa. As consecuencias de maltratar o planeta durante tantos anos xa se están notando e é importante pensar que non se trata dun futuro afastado, senón do presente.

 

E falando de premios, que supuxo para ti e para o teu traballo recibir unha mención especial no Premio Internacional de Ilustración Edelvives? 

Edelvives sempre foi unha editorial que admirei moitísimo porque sei que coidan moito o tratamento das imaxes e tómano moi en serio. É un estilo de traballo que admiro e co que me identifico. Ademais, o contido está moi coidado e o seu catálogo conta con autoras e ilustradoras a quen admiro moito. Cando me deron a oportunidade, sentinme máis que feliz por formar parte do mesmo catálogo.

 

Agora cóntanos un pouquiño máis do teu traballo. Vemos que o teu estilo é diferente en cada proxecto. Como foi o proceso de inmersión para este traballo?

Para min é moi importante empaparme moito de todo o que rodea o proxecto: a súa cultura, a súa historia, os seus referentes… A partir de aí, empezo a xuntar moitas imaxes e fotos, tanto de referencias de inspiración como paletas de cores. Logo paso aos bosquexos —sobre todo se saen personaxes— e finalmente paso a bosquexar as ilustracións encadradas no texto e a facer o orixinal. 

Para este traballo busquei moita información sobre a selva e a tribo do libro. Quixen inspirarme moito nos sons da selva, xa que gran parte da historia trata sobre iso. Para iso hai unha páxina que me encanta!  Recolle audios reais de distintas selvas do mundo e conta que moitos dos animais que se oen nas gravacións, en poucos anos xa non existirán. Por iso o quixeron documentar. Compártovola: chámase fragmentsofextinction.org

Cada proxecto supón unha preparación distinta, pero en todos é común que investigue moito ao respecto e faga moitos bosquexos previos ata chegar a imaxes que representen o estilo e ton da obra.

Please accept statistics, marketing cookies to watch this video.

 

Utilizas sempre a mesma técnica?

Non utilizo a mesma técnica. De feito, gústame cambiar a miúdo e aprender cantas máis técnicas mellor. Sobre todo adoito pintar en acuarela, pero tamén me gusta o grafito, os lapis de cor, os acrílicos e técnicas manuais coma o gravado ou a serigrafía. Tamén utilizo moito a técnica dixital, que me abriu moitas oportunidades, xa que podes cambiar as cousas tantas veces como queiras.

 

Seguro que tes algunha anécdota con este proxecto…

Recordo un momento no que estaba viaxando e me encontraba na selva do Amazonas. Tiñamos un guía que cada noite nos contaba moitas lendas e historias sobre os espíritos que habitaban a selva, e acabou convertendo a viaxe nunha estancia case máxica, coma se estivésemos dentro dun conto. Anos despois, cando tiven que ilustrar Música entre las ramas, recordei moitas veces aqueles días na selva.

 

Lemos que esta é a túa pasaxe favorita do libro. Poderías contarnos por que?

Como feminista, creo que ás mulleres aínda nos faltan moitos dereitos relacionados coa maternidade. Non só recollidos en leis, senón recoñecidos pola sociedade; que se considere a maternidade como unha aportación á sociedade e non como un hándicap ou un anaco de tempo no que non poderás ser produtiva. 

Se á crianza e aos coidados se lles dese o valor social que realmente teñen, as mulleres non terían que traballar coma se non tivesen fillos e non terían que «maternar» coma se non tivesen traballo. A maneira na que Ricardo relata a sororidade entre mulleres cando unha delas dá a luz pareceume marabillosa, creo que mostra uns grandes valores sociais.

 

Esta obra fomenta o respecto pola natureza, pero tamén polos maiores da comunidade e polo compoñente espiritual da vida. En que cres que axuda a traballar con nenos e nenas no feito de que a novela estea ilustrada?

É precioso ver como no libro as persoas maiores son unha parte importante e valiosa da comunidade. Simbolizan a experiencia e son tratados con moito respecto. Creo que o libro pode dar un grande exemplo aos lectores novos.

O feito de que estea ilustrado móstralles aos lectores como os membros da tribo van todos vestidos moi igual e hai poucas diferenzas entre eles. Hai unha maior sensación de unidade se o comparas coa nosa sociedade, que está moi dividida tanto por clases como por tipos de persoas, e na que hai grupos, por desgraza, moi marxinados.

 

E agora, por último, imos cunhas preguntas para coñecerte un pouco máis:

Se non foses ilustradora, que che gustaría ser?

Seguramente encontraría outro camiño creativo. Hai moitas ramas que me gustan dentro do mundo da arte e, de feito, recentemente rematei os estudos para ser directora de arte.

 

Que lle recomendarías aos estudantes que sintan a mesma paixón por debuxar ca ti?

Que non paren de debuxar nunca! Xa sexa para eles mesmos ou para traballar no sector da arte. Cando debuxas ou fas calquera outro tipo de creación artística aprendes moito de ti mesmo. E sobre todo, que non pensen que para debuxar hai que nacer con algún talento especial. Se che gusta, pódese aprender igual ca o resto de disciplinas.

 

En que cres que lles poden axudar os docentes?

Poden potenciar realmente as habilidades de cada estudante. Non necesariamente todos teñen que ser bos en Matemáticas, Economía ou Lingua. Cando eu ía á escola, todos os profesores me berraban porque pasaba o día debuxando nos libros, nas fichas… Pero ningún me dixo que podía ser unha opción profesional, só o vían como un hobbie. Por sorte, os modelos educativos están cambiando pouco a pouco e isto vai mellorando.   

 

E, por último, ademais de Música entre las ramas, que outro libro lles recomendarías aos nenos e nenas de dez a doce anos e que ti liches á túa idade?

Recomendaría El Principito, que é un libro que me marcou desde o primeiro momento. Do que lía eu con esa idade, acórdome sobre todo de libros como Manolito Gafotas ou El pequeño Nicolás. Teño especialmente gravado na memoria o primeiro libro que lin, é dicir, que xa non era un conto, e foi de colonias. Chamábase La Lluna en un Cove, de Gemma Lienas. Tamén me gustaría animar aos lectores novos a ler novela gráfica e cómic, que é un xénero que adoro!

 

Tomamos nota de todo. Moitas grazas por achegarnos un pouquiño máis ao teu traballo!