As claves de Miranda y Tato, contadas polos seus creadores

11-04-2023

A colección Miranda y Tato xa está dispoñible na Biblioteca Ta-tum! E, para celebralo, falamos cos seus tres (si, tres!) autores: os irmáns Itziar e Jorge Miranda e Nacho Rubio. Con moito humor, e en formatos diferentes, debullan nesta entrevista a tres voces os segredos da colección. Seis libros que narran as aventuras de dous irmáns, Miranda e Tato, que queren combater as inxustizas que os rodean mentres, case sen darse conta, descobren os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.   

 

A colección Miranda y Tato está composta por seis títulos que narran as aventuras de ficción destes dous irmáns, mentres os lectores de máis de 10 anos aprenden que son os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Como xorde esta interesante idea? 

Esta resposta vaina dar Itziar en formato vídeo para romper o xeo!

Please accept statistics, marketing cookies to watch this video.

 

Credes que as novelas son un bo medio para falarlles de temas tan importantes aos menores?

Jorge Miranda: Por suposto. E non só as novelas: calquera medio é válido para falar de cousas importantes. Desde o colexio ata os canais de Twitch que poidan seguir os preadolescentes. Os nenos de agora están moito máis concienciados que calquera outra xeración en moitas cuestións que están de actualidade e sobre as que falamos na nosa colección, coma o cambio climático, a igualdade de xénero ou a diversidade sexual. E iso débese a que o debate sobre estes temas xa forma parte do día a día, son transversais a todo tipo de comunicación.

 

Cales son os ingredientes clave para crear una ficción que chegue a concienciar a un neno sen chegar a aburrilo?

Nacho Rubio: Os irmáns Miranda xa tiñan moita experiencia dando moita información mentres resultaban entretidos coas biografías da colección Miranda. Unha linguaxe rica e á  vez próxima aos nenos, uns referentes que lles resoen e moito sentido do humor eran algunhas das súas mellores ferramentas. Ao incorporarme a traballar con Itziar e Jorge, o meu empeño desde o principio foi contar as historias cinguíndonos o máis posible a unha estrutura clásica (presentación, nó e desenlace) e sobre todo con moito conflito, a gasolina das boas historias! A nosa editora dinos que somos moi melodramáticos e non lle falta razón. Ademais, contabamos coa axuda das pastillas explicativas, que nos permiten ampliar ou afondar na información sen ter que deter o desenvolvemento da trama.

 

Cada título da colección aborda varios ODS. Como foi o proceso de construción das historias? Elixides un ODS e, a partir de aí, construídes a trama, ou á inversa: presentades o argumento e ides entrelazando os ODS? 

Itziar Miranda: Todos os ODS están relacionados entre eles, así que dividimos os 17 entre os seis libros. O primeiro fala da pobreza; o segundo sobre educación e igualdade; o terceiro da España baleira e das cidades sostibles; o cuarto sobre saúde, auga limpa e saneamentos; o quinto sobre sustentabilidade e acción polo clima; e o sexto sobre paz e alianzas. Cada libro ten as súas propias tramas e aventuras, aínda que aos nenos se lles vai quedando o pouso do anterior. 

 

Con que dificultades vos encontrastes para crear unha ficción socialmente comprometida?

Jorge: Fomos totalmente libres de falar e opinar sobre todos os temas; nese punto non nos autocensuramos para nada. O máis complicado quizais foi falar con coñecemento de causa, afondando moito sobre cada un dos ODS. Por sorte, contamos co asesoramento de María José Manjón e Daniel Pons, que son uns grandes expertos no tema.

 

Chama a atención a linguaxe. Parece de auténticos nenos de 9 e 11 anos! Como foi o proceso de poñervos na súa pel? Tiñades referentes próximos?

Nacho: Vaia traballo de investigación fixemos! Porque, claro, nós estamos xa bastante avellados e as nosas expresións son bastante propias dos oitenta e dos noventa, que se «ollo ao piollo», «efectiviwonder» e «lévalo clarinete». E aínda que Miranda é moi de refraneiro clásico, así non iamos chegarlles aos rapaces. Así que, sobre todo Jorge, viuse obrigado a consumir horas e horas de Twitch, Youtube, e creo que ata TikTok, para coñecer a fondo a linguaxe da mocidade. Por outro lado, á parte de poñer a orella no patio do cole das nosas fillas á hora da recollida, preguntamos e ensaiamos con sobriños e fillos de amigos para estar ao día, bro, e creo que podemos afirmar que evitamos o epic fail.

 

Canto de autobiográfico hai na colección?

Itziar: Hai moito! Algúns personaxes están inspirados en amigos e coñecidos que estaban pasando por esas situacións. 

 

Sodes coautores da colección Miranda, dedicada a biografías de mulleres extraordinarias e cuxos títulos tamén están dispoñibles na Biblioteca Ta-tum. Hai relación entre ambas coleccións? Entendemos que a protagonista medra e o seu tato gaña protagonismo nas historias…

Jorge: Iso é. Miranda medrou, non só en idade e en altura, senón tamén en concienciación co mundo que a rodea, nas desigualdades que conviven ao seu redor. Digamos que, na colección anterior, tiña curiosidade polo pasado; e agora, esa curiosidade enfocouse no presente e, sobre todo, no futuro. Tato xa existía na colección anterior, pero case coma un personaxe de reparto. Nestes libros, comparte protagonismo con Miranda. Tato é o contrapunto perfecto da súa irmá maior: mentres Miranda ten un espírito máis crítico e unha maior capacidade de análise, Tato é máis impulsivo e non se toma tan en serio a si mesmo. 

 

Nótase que Miranda y Tato é unha colección creada con moito cariño! Os tres sodes coautores e tamén familia. Como foi a experiencia de traballar a seis mans? Sempre estabades de acordo no desenvolvemento do argumento? Seguro que non!

Please accept statistics, marketing cookies to watch this video.

 

E agora unha pregunta persoal… Como lles ocorre aos protagonistas da colección, de pequenos tamén estabades empeñados en cambiar as cousas?

Itziar: Un pouco si, pero non eramos tan conscientes das desigualdades e de todo o que podiamos facer. Criamos que ao ser un problema tan global necesitaba solucións globais. Pero agora sabemos que son as nosas decisións individuais as que fan que haxa un cambio. 

 

Erades uns apaixonados dos libros? Dalgún título ou tipo en concreto?

Jorge: Os nosos pais sempre nos inculcaron o amor pola lectura. Se penso no noso fogar da infancia, o primeiro que me vén á mente son estantes cheos de libros. Aínda que teño que dicir que nunca nos forzaron a ler, e iso paréceme importante, porque se obrigas a ler a un neno, é posible que acabe odiándoo. Os libros estaban aí, eran un tipo de ocio máis. A min de pequeno encantábanme Astérix e Tintín. Sabía os cómics case de memoria! Agora estoullos lendo ao meu fillo e, aínda que nalgunhas cuestións envelleceron mal, estou descubrindo que teñen máis capas de profundidade das que imaxinaba. Tamén me gustaban moito as enciclopedias! Elixía un tomo ao azar, abríao por calquera páxina e descubría curiosidades dalgún país ou personaxe histórico. Despois contáballo á miña familia coma se fixese un gran descubrimento!

 

Preguntabámosvolo porque o formato dos libros da colección xa é unha historia en si mesma! Combinan diferentes estilos narrativos: o cómic, os diálogos de teatro, o diario, o chat, a entrevista e o prólogo a xeito de reflexión… Ademais, altérnanse os narradores, de maneira que cada un dos irmáns conta un capítulo. Por que vos decidistes por este formato? 

Nacho: A verdade é que foi unha mestura de proba-erro e de poñer todo o que nos gustaba, e apostar por que funcionaría. Seguramente todo foi motivado polo feito de que queriamos darlle tamén voz propia a Tato; iso era algo no que os tres autores e os nosos editores estabamos de acordo. Así que empezamos a experimentar! Alternar as voces nos capítulos presentouse como a opción máis clara, pero, quizais porque Itziar e eu somos actores, coóusenos enseguida un diálogo teatral na presentación, que nos viña moi ben para diferenciar as dúas voces desde o principio. Por outro lado, o cómic é tamén o máis próximo á linguaxe audiovisual, apetecíanos incluílo e pareceunos que tamén viña ben para refrescar un pouco e destacar capítulos con importantes puntos de inflexión. Como regalo engadido, serviunos para espremer todo o talentazo de Ángeles Ruiz, a nosa ilustradora, que se atopou esa lea, pero luciuse un montón!

 

Tamén entrevistamos a Ángeles. Como foi o traballo con ela e que credes que lles aportan as ilustracións aos libros?

Itziar: Ángeles é unha xenia da cor e da acción. As súas ilustracións acompañan e completan a historia. É unha parella de baile perfecta!

 

Por que lles recomendariades aos docentes a colección de Miranda y Tato para que os seus alumnos a lean na casa ou na clase?

Please accept statistics, marketing cookies to watch this video.

 

Sabemos que esta pregunta é moi difícil pero, se tiverades que recomendarlles aos profesores empezar por un dos seis títulos, por cal sería? 

Nacho: Os libros poden lerse en calquera orde, pero si cremos que o ideal é empezar lendo o primeiro, Chaval, ¿qué haces con mi camiseta?, que fai unha descrición máis extensa dos personaxes principais. Do mesmo xeito, o mellor é rematar co sexto, The ultimate segundo, que fai un pequeno cambio na estrutura do arranque que pretende sorprender aos lectores xa familiarizados coa colección.

 

Que vos gustaría que os lectores mozos leven ao ler a vosa colección?

Itziar: Gustaríanos que os contos os sacudisen e que, a partir de aí, se comprometan. Igual non podemos cambiar o mundo, pero si o cachiño no que nos tocou vivir. Oxalá consigamos sensibilizar aos mozos –e non tan mozos– lectores, para que sexan conscientes de que todos temos que ser actores do cambio se queremos ter un mundo máis sostible e máis xusto.

 

E, para finalizar, saquemos a bóla de cristal. Credes que esta colección pode axudarnos a chegar cos deberes cumpridos a 2030?

Jorge: Oxalá sexa así! Téndese a pensar que estes temas só son cousa dos gobernos e das empresas máis ricas e poderosas –que en parte é certo, porque son os maiores responsables das desigualdades existentes no mundo–. Pero non podemos menosprezar o poder que temos como cidadáns. Nós somos os que movemos o mundo! Estou convencido de que, se a xeración de nenos de agora ten claro como enfrontarse aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, van poder mover montañas!  

 

Esperamos que así sexa! Moitas grazas polo voso tempo e os vosos comentarios!