Ángeles Ruiz e os segredos das ilustracións de Miranda y Tato

11-04-2023

A colección ao completo de Miranda y Tato xa está dispoñible na Biblioteca Ta-tum! Seis interesantísimos títulos cos que os lectores de 10 anos ou máis gozarán das múltiples aventuras de dous irmáns, Miranda e Tato, mentres aprenden que son os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). 

A ilustradora Ángeles Ruiz cóntanos como foi o proceso de creación da colección e explícanos como afrontou o reto de crear unha colección que combina diferentes estilos narrativos: desde o cómic á información gráfica, os retratos e, incluso, ilustracións a dobre páxina! Sabías que se inspirou en persoas reais para ilustrar os personaxes? Ela mesma cóntacho a continuación.

 

Foches a encargada de darlles vida a Miranda e Tato. O primeiro, parabéns polo teu traballo! En que ou en quen te inspiraches para ilustrar os personaxes?

Moitas grazas! Traballar en Miranda y Tato foi todo un reto. Chegoume a proposta e encantoume o proxecto, tan solidario e comprometido, e ademais feito con tanto coidado e agarimo. Así que só puiden dicir que si! Desde ese momento tiven a oportunidade de traballar man a man con Itziar e Jorge Miranda, e Nacho Rubio. O primeiro proceso no que traballamos foi na creación de personaxes.

 

Que foi o que máis che sorprendeu?

Unha das cousas que me impresionou deste proxecto foi a relación entre os dous irmáns protagonistas, onde había moito cariño e complicidade. Sei que Itziar e Jorge son dous irmáns moi compenetrados, así que lles preguntei que lles parecería se me inspiraba neles para facer os personaxes. A partir dese momento comezou a labor de documentación. E pasáronme fotos deles con 10 anos, como os protagonistas da colección. Imaxínate! Para min foi moi especial formar parte deste proceso. Foi moi emocionante!

 

E para crear a ambientación dos libros, serviuche de referencia algunha cidade en especial? Algunha lembranza? Algunha viaxe que realizaras? 

É unha historia moi de aquí, costumista e moi vivencial. Sucede principalmente en Madrid, pero apetecíame que todos os nenos e nenas que lesen a historia encontrasen familiar o ambiente no que sucedía. Así que decidín situar a escena nun barrio de edificios das aforas, coma o lugar onde vivo eu. Logo, cada libro, ten as súas particularidades. Aparecen novos escenarios como Atiende, para o que me inspirei na aldea da miña familia, e para algún outro tiven que investigar nas redes para documentarme, coma o comedor social do padre Ángel ou a Cañada Real.

 

O formato dos libros é unha historia en si mesma. Combinan estilos narrativos, pero tamén ilustrados. Debuxas cómic, información gráfica, retratos e ilustracións a dobre páxina! Foi un reto?

Realmente foi moi enriquecedor para min! É un proxecto moi orixinal tamén en canto á diversidade de estilos narrativos dentro do mesmo libro. Veño de traballar moito en libros educativos e álbum ilustrado; é o terreo que domino. Pero foi a primeira vez que debuxei cómic. Sempre admirei aos que se dedican a ese xénero, porque narrar en escenas nunca me pareceu sinxelo. Agora, analizando cada libro, podo ver a evolución desde o inicio ata a tira de cómic do último número… É algo que ao principio me parecía impensable que puidese facer! 

 

Ilustrar os seis títulos supúxoche dous anos de intenso traballo. Cóntanos sobre o teu proceso de creación. 

Ao ser unha colección tan especial, foise creando todo a partir do primeiro número. Ao principio o tamaño do libro era a única condición para desenvolver o proxecto! Así que todo o que se decidise en canto a técnica, composición e cor dese primeiro libro repetiríase despois no resto da colección para, desa forma, unificar toda a serie. Do traballo en equipo xurdiu tamén a idea de diferenciar cada título entre si mediante a cor, utilizando diferentes paletas cromáticas.

 

Que interesante! Vemos tamén que os materiais e a técnica son moi ricos. Podes compartir con nós algún detalle?

Gústame moito traballar con técnicas mixtas, ter diferentes texturas na mesma ilustración. E traballar unha mestura tamén en canto a técnicas manuais e dixitais! Creo texturas de forma manual que logo introduzo no ordenador, onde acabo de realizar a ilustración e fago os últimos axustes. Para este proxecto escollín lapis de cores e acuarelas sobre fondo branco, acabando de definir o traballo e os axustes de cor desde o ordenador. 

 

Unha pregunta para coñecerte un pouco máis. Como fuches definindo o teu estilo de ilustración?  

Pasei por moitas etapas a nivel artístico. Levo moitos anos traballando e experimentando para encontrar a miña propia técnica e estilo. Aínda que sempre hai un denominador común: as relacións emocionais entre os personaxes, a creación de atmosferas e, a nivel formal, o traballo da cor, a composición e as texturas. Encántame a cor e as combinacións entre elas para transmitir emocións! Doulle moito valor ao apartado sensorial, á expresividade no trazo e aos estampados e as texturas que conseguen aportar moitas sutilezas engadidas á ilustración. 

 

Encantaríanos ver o teu proceso de creación!

Please accept statistics, marketing cookies to watch this video.

Como foi o traballo con Itziar, Jorge e Nacho? Tamén os entrevistamos

Itziar Miranda, Nacho Rubio e Jorge Miranda son un encanto! Desde o principio animáronme e acolléronme. Traballamos conxuntamente en todo momento, e fixéronmo moi fácil. Contaxiáronme a súa ilusión e o seu entusiasmo, e tamén as súas vivencias e experiencias. Foi un traballo moi emocional e, a nivel persoal, foi moi especial coñecelos e traballar con eles. 

 

Algún dos títulos pareceuche especialmente complicado ou delicado de ilustrar por algún motivo? Algunha anécdota que che apeteza compartir? 

A colección en si trata temas delicados e complicados de contar. Os autores fano de forma maxistral. Próxima, natural e cun punto de vista alegre e inocente. O reto, quizais, foi intentar transmitir a nivel formal, na ilustración, esa visión dos autores. E respecto aos temas tratados, son temas moi profundos, solidarios, para os que me documentei moitísimo! Son moi empática e, ás veces, era complicado intentar que non me afectasen os temas tratados, xa que o meu traballo se realiza desde o emocional e o intuitivo, máis que desde o mental ou racional. E como anécdota, cóntovos que case todos os personaxes do libro están inspirados en persoas reais, en familiares e amigos dos autores e meus. 

 

Que cres que lle aportan as túas ilustracións a unha colección socialmente comprometida cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible?

A ilustración é un medio de aprendizaxe moi importante, axuda a captar a atención e entender rapidamente conceptos que ás veces a nosa imaxinación non é capaz de completar. A ilustración faino dunha forma clara e sinxela, e sempre aporta cousas engadidas á mensaxe.

 

Que opinión che merece que naza unha colección que mesture a ficción cos grandes retos do futuro e que estea destinada aos máis mozos? 

A ficción é o medio, é a forma de conectar cos máis  mozos, de falar coa súa mesma linguaxe. Que os mozos vexan o seu propio valor na sociedade e vivan de forma natural que teñen as ferramentas para cambiar as cousas fará que nun futuro non moi afastado o poidan facer.

 

Que che aportaría ler aos 10 anos novelas coma as de Miranda y Tato?

Sen dúbida contaxiaríanme de enerxía e daríanme seguridade e independencia de saber que a miña acción podería cambiar as cousas e que a opinión, e a toma de decisións dos mozos, poden cambiar o mundo.

 

Os mozos do presente son os adultos do futuro. Como poden axudar estas novelas a mellorar a nosa sociedade?

Creo que as sociedades empezan a cambiar pola forma na que os máis mozos entenden o mundo. É importante que entendan que o noso fogar é o planeta Terra ao que necesitamos coidar, porque diso depende a nosa vida e a de todos os seres que aquí habitamos. E tamén é  importante interiorizar que todos os seres humanos, vivamos onde vivamos, e independentemente da cor da pel ou condición, sentimos da mesma forma; sufrimos, rimos, amamos e temos as mesmas necesidades e soños. Que todos facemos as cousas o mellor que podemos ou que sabemos… Esa si que é a chave para cambiar as cousas! Os grandes cambios sempre empezan desde o máis pequeno. 

 

Estamos moi de acordo e encántanos esta forma de pechar a entrevista. Moitas grazas, Ángeles!