Entrevista a Albertoyos

Albertoyos, o artista que lle deu vida á Escola de detectives Avante

14-12-2021

Albertoyos é ilustrador, profesor, guionista e locutor; pero tamén —e sobre todo— un artista moi divertido que deu vida á Escola de detectives Avante. Os personaxes e escenas destes libros e os vales de privilexio de Ta-tum son produto dos seus trazos e da súa imaxinación. Nesta entrevista ábrenos as portas do seu estudio e dos seus pensamentos para coñecer mellor o seu proceso de traballo. Tamén nos conta como se enfrontou ao desafío de poñer en imaxes esta selecta escola.   

 

Es pioneiro en ilustración dixital. Como foron os teus comezos? 

Pasei moitos anos debuxando con ferramentas tradicionais rodeado de lapis, pinceis, plumiñas, botes de tinta, tubos de pintura, botiños de acuarelas, papeis, taboleiros e chintófanos de todo tipo que invadían toda a casa e cos que me rebozaba como croqueta no seu baño de ovo e pan relado. Co desastroso que son, acababa enzoufado das orellas ata os dedos gordos dos pés. Un auténtico desastre!

Cando comprei o meu primeiro ordenador, tan recollido, tan pequeno, tan limpiño el, e con aquel Photoshop, prehistórico pero con infinitas cores e chintófanos de pintura dentro que se limpaban, se recollían e se gardaban só con apertar o botón de apagado, vin a luz. E a factura da luz.

 

Como é o teu proceso de traballo?

O primeiro, leo a novela e anoto as escenas que me parecen máis apoteósicoalucinantes para ilustrar. 

Por exemplo: un caracol durmindo nun adoquín é moito menos apoteósicoalucinante para ilustrar que un tren submarino monovía funicular que navega polos fondos do mar rodeado de quenllas xigantes a dieta de brócoli.

Logo, pecho o libro, saio do estudio e deixo que o meu cerebro imaxine todas esas cousas apoteósicoalucinantes que acabo de ler, mentres miro un caracol durmindo nun adoquín.

Cando o meu cerebro termina de imaxinar cousas incribles, collo o ordenador e debúxoas a toda velocidade, non vaia ser que se me colgue o cerebro e se me perdan as ideas que están sen gardar.

Alberto

Alberto traballando na colección Avante.

 

Que é o máis importante á hora de ilustrar un libro?

Creo que o máis importante dunha boa novela ilustrada ou un bo álbum ilustrado é que as dúas partes das que se compón a obra, o texto e as ilustracións, se complementen e se alimenten unha á outra.

Como as pedras de caldo da sopa, as ilustracións enriquecen o texto e o texto enriquece as ilustracións.

Ambas as partes son independentes, pero complementarias.

Ilustración Albertoyos

 

Como concibiches as ilustracións da Escola Avante?

O máis importante da ilustración das novelas da Escola de detectives Avante, sen dúbida, é a ambientación. Porque os personaxes viven nunha época indeterminada, fantástica e marabillosa, que é o steampunk, e isto afecta a toda a estética: vestimentas, arquitectura, decoración e innumerables e incribles cacharros mecánicos cheos de porcas, parafusos e remaches, manguitos, tubaxes, engrenaxes renxentes, reloxos de agullas, poleas oxidadas e válvulas vaporosas.

Así que encasquetei un sombreiro de copa, puxen unhas lentes de mergullo, chaleco e un reloxo de peto e transporteime, a través do portal do navegador do meu ordenador, á época vitoriana, ao século XIX.

Entrevista a Albertoyos

 

Que é o que máis gozaches dese proceso?

Precisamente, darlles vida aos personaxes nese ambiente fantástico para facerlles vivir as apaixonantes historias de misterio (maxistralmente) ideadas por David, foi «o máis mellor» de todo.

Ademais, ao debuxar os personaxes intentei que actúen coa personalidade que David lles deu a cada un. E que se divirtan! Que, parece que non, pero actuar é duro.

Cubierta Albertoyos

 

Hai algunha escena ou personaxe da Escola Avante do que te sintas especialmente orgulloso ilustrar?

Hai varias, e son as que adoito colgar nas redes sociais.

Gústanme moito as gaivotas mecánicas sobrevoando o portón xigante do museo da illa de Nolan, deseñado polo mesmísimo Gustave Eiffel, ou a escena do subacuáquero navegando entre quenllas ou o órgano misterioso fabricado por Siphres and Holes da mansión Farrel ou…

Tamén gocei creando os personaxes secundarios, todos eles adultos.

Entrevista a Albertoyos

 

A Escola Avante representa todo un universo… como se crea un mundo desde a ilustración? Por onde se empeza?

Como xa adiantei antes, lendo moi ben as novelas e deixando que a mente se separe do texto e imaxine os lugares e as escenas, e logo, documentándome ben con referencias de fotos, películas e imaxes antigas, para enriquecelo todo con detalles realistas.
Unha das cousas máis bonitas destes tres libros foi deseñar os diferentes cacharros ideados por David que son propios dese universo.

O subacuáquero creeino combinando unha balea cun submarino de principios do século XX e coas rodas dun vagón dunha montaña rusa, e o levavoz, descuartizando radios antigas, caldeiras a vapor e teléfonos vellos, dos de meter o dedo e darlle a volta ao disco.

Ilustración Albertoyos Llevavoz

Levavoz deseñado por Siphres & Holes.

 

Como te relacionas, como artista, cos textos que tes que ilustrar?

Pois divinamente.

Ademais de debuxar tamén escribo. Por iso, talvez, son capaz de separar, nunha novela ilustrada ou nun álbum, o que debe verse do que debe lerse; e por iso, talvez, na miña cabeza non hai diferenza de peso entre texto e ilustracións, porque ambas e cada unha co seu cometido, teñen o mismo valor dentro da obra.

Ademais, sempre intento contactar co escritor ou escritora, porque coñecéndoos, sabes máis: pódeslles preguntar, e incluso colaborar, que é o ideal.

A verdade é que tiven moita sorte cos escritores dos libros que ilustrei.

 

Agora, a verdade: canto de fácil e difícil é traballar con David, escritor da colección Avante?

Con David marcharía nun dirixible a vapor ata a illa de Nolan a pasar, polo menos, un mes quinquenal ou un quinquenio mensual.

Ilustración Albertoyos Siphres

 

PREGUNTAS E RESPOSTAS Á VELOCIDADE DUN TRAZO 

Que opina a túa familia e achegados de que sexas ilustrador?
Os que me queren alégranse, porque, mentres ilustro, calo.
Ben, nin sequera sempre.

Que sentes ao ilustrar?
Manter ben entretidas as neuronas que nos sobran aos humanos na cabeza só pode facernos felices.

O que máis che gusta é…
Responder entrevistas e saír en Wikipedia. En orde inversa e ao revés.

Se non foses ilustrador, que che gustaría ser?
Escritor actor monicrequeiro vedette do mainstream.

Unha lectura imprescindible…
Adoro «Lucky Luke», o cómic de Goscinny e Morris. Esa é UNHA, soa.

 

Moitas grazas, Albertoyos!